A explanada dianteira do MARCO de Vigo, na rúa do Príncipe, converteuse durante esta mañá nun mercado solidario no que se reuniron as 340 nenas e nenos que conforman as 17 cooperativas participantes no programa provincial “DepoEMPRENDE na Escola” da Deputación de Pontevedra, chegadas de 12 centros educativos de 9 concellos, para clausurar a sexta edición desta iniciativa.
Durante a xornada amosaron o seu talento emprendedor e venderon os produtos das súas cooperativas ás persoas que transitaban pola rúa, entre os que destacaron bolsas de tela, chaveiros, pulseiras ou plantas. Os beneficios desta iniciativa están destinados a causas sociais de distinta índole como protectoras de animais, asociacións dedicadas a persoas con diversidade funcional ou axuda ao pobo ucraíno. Co fin de conseguir máis fondos para as mesmas, as rapazas e rapaces de 5º e 6º de Educación Primaria repartiron folletos informativos ás e aos viandantes.
“Este proxecto persegue que as nenas e os nenos teñan unha mente emprendedora e aprendan todo o que ten que ver coa creación de empresas e cooperativas, algo moi vinculado co desenvolvemento da sociedade”. Así definiu a presidenta provincial Carmela Silva o proxecto, quen tamén avogou pola presenza de mulleres en todos os eidos, e máis particularmente no mundo da empresa, para ofrecer referentes á rapazada xa que é “importante que as nenas se animen a querer ser emprendedoras, empresarias, científicas políticas... todo o que desexen na vida”. A presidenta provincial tamén agradeceu á cidadanía a súa implicación co mercado xa que malia chuvia “é un espectáculo ver isto cheo de xente”.
Pola súa banda, Abel Caballero felicitou ao alumnado “polo espírito de emprendemento que tanto se dá en Vigo e na provincia de Pontevedra que crea empresas e cooperativas e que se agrupa para producir, fabricar e vender cousas ben feitas. Isto é o que nos gusta facer”. Agrupacións como as formadas polas e polos escolares “lanzan proxectos” e “pensan en xeitos de agruparnos para vivir mellor e facer mellor a vida das e dos demais”. Por este motivo, felicitou á rapazada e aos centros educativos pola súa iniciativa.
Centros e cooperativas
O mercado contou coa participación de alumnado e profesorado de catro centros da comarca de Vigo, o CEIP Plurilingüe Ría de Vigo (Vigo) con “Nadando Xuntos”; CEIP Plurilingüe Souto-Donas (Gondomar) coas cooperativas “Boom Stars” e “Cooperaria”; ACEESA “Asociación de apoio a persoas con diversidade intelectual” (O Porriño) con “O Mistral”; e o Colexio Estudio (Nigrán) con “Made in Galicia”. Tres centros da comarca do Salnés, CPI Julia Becerra Malvar de Ribadumia, coas cooperativas “Mantemos o Mundo” e “The Fantastic World”; CEP Antonio Magariños Pastoriza (Cambados), tamén con dúas cooperativas “Sorrisos Artesanix” e “SCAM”; e CEIP Enrique Barreiro (Camabados), con “Piñeiro’s Company”. Formaron parte do mercado outros tres centros de Pontevedra, CEIP San Andrés de Xeve (Pontevedra) con “Xevende”; CEIP A Xunqueira 1 (Pontevedra) con “Natural Shop” e “A Volvoreta”; Centro de Educación Especial Pontevedra (en Príncipe Felipe) con “Codo con codo”; e CEIP Plurilingüe de Carballedo (Cerdedo-Cotobade) coa cooperativa “As cores de Carballedo 2.0”. E un centro da comarca do Baixo Miño, o CEIP Plurilingüe de Tui coas cooperativas “Empre.Colect” e “Tui de Confianza”. As e os alumnos decidiron destinar os seus beneficios das súas cooperativas ao Refuxio de animais de Cambados, ás protectoras Aloia, Os Palleiros, Cadeliños, Bai.Senpulgas e Seremdipia_Rescue á asociación contra o cancro “O sono de Vicky”, Asociación Autismo BATA, UNICEF, Intermón OXFAM, Cruz Vermella, Asociación Bicos de Papel, Down Galicia, Asociación Benéfica Oso Panda de Salceda e a algunhas ONG en axuda do pobo ucraíno.
O programa provincial “DempoEMPRENDE” arrancou no ano 2016 e nel xa teñen participado 132 centros educativos e 3.464 alumnos e alumnas nas modalidades de Escola, ESO e FP. Todas elas están destinadas a fomentar o emprendemento no marco do sistema educativo e impulsar que o alumnado sexa protagonista. Delas e deles 2.015 fixérono a través de “DepoEMPRENDE na Escola”.