PSOE e BNG aproban os orzamentos da Deputación de Pontevedra para 2023

Publicidad

Os Orzamentos 2023 da Deputación xa están aprobados inicialmente. Un total de 181,63 millóns de euros que constitúen a maior previsión orzamentaria da historia da Administración provincial  e que conforman, en palabras do deputado de Economía e Facenda, Carlos Font,  “un Orzamento expansivo, no que os concellos están no centro, transparente, igualitario e deseñado para garantir dereitos e servizos a tódalas persoas vivan onde vivan”. As Contas saíron adiante cos votos do Goberno provincial (PSdeG-PSOE e o BNG) e a negativa do PP. Os populares viron rexeitada a súa emenda de devolución.

O Goberno provincial cifra en 69 millóns de euros o volume total de recursos que repercutirán directamente sobre os municipios, produto da suma dos 44 millóns de euros do Plan Concellos 2023 e os case 25 millóns que chegarán a través das iniciativas e programas dos distintos servizos provinciais.  Igualdade e Reto Demográfico serán os eixes centrais das contas, mentras a Deputación está traballando xa para captar ata 28,9 millóns de fondos europeos Next Generation ao longo do próximo ano, “polo que as cifras finais de transferencias e recursos que acabarán incidindo directamente sobre o territorio, e por tanto sobre os concellos, se disparará”.

O Goberno da Deputación insiste tamén en comparar o modelo de Pontevedra co da Deputación de Ourense, a única gobernada polo PP en Galicia. Font detallou que mentres na de Pontevedra se transfire un 33,7%, en Ourense "non pasan dun 0,03%". E mentres o Plan Concellos alcanza os 44 millóns de euros (un millón máis que o ano pasado) en Ourense "o Plan de Cooperación está conxelado en 4,7 millóns de euros".

O deputado botou man dos datos históricos para recordar que no ano 2014, cando gobernaba o PP, a Deputación de Pontevedra aprobou cos Orzamentos iniciais unhas transferencias de 9,7 millóns, mentres con este novo Orzamento alcanzan os 60 millóns. “Se o municipalismo nesta provincia  non ten hoxe nada que ver, foi gracias aos orzamentos que foi aprobando esta Deputación. E se nos comparamos coa Deputación de Ourense é porque se o PP volve gobernar aquí algún día gobernarían como en Ourense", argumentou o deputado socialista.

Pola súa parte, o vicepresidente, César Mosquera, do BNG, coincidiu na "perplexidade" de que se critique polas transferencias á Deputación "que máis transfire en España e que ademais transfire dun xeito previsible”. Finalmente, engadiu que sería “prexudicar moi seriamente aos concellos” devolver os Orzamentos como solicitou o PP. 

 

Salir de la versión móvil