Como anunciou o reitor, Manuel Reigosa, no Consello de Goberno celebrado a pasada semana, a Universidade de Vigo acaba de poñer en marcha unha nova área que se encargará de atender a diversidade sexual e de xénero e a outros colectivos infrarrepresentados pola súa orixe étnica-cultural e de coordinar as situacións de discapacidade e necesidades educativas especiais. Á fronte da nova Área de Diversidade está Raque Rey Vilas, que conta cunha ampla traxectoria formativa no eido psicosocioeducativo relacionado coa integración e a diversidade. Como ela mesma explica, esta nova área nace en resposta á esixencia da LOSU e dos Estatutos da UVigo e encargarase de coordinar e incluír de maneira transversal o desenvolvemento das políticas universitarias de inclusión e antidiscriminación no conxunto de actividades e funcións da universidade. “O obxectivo é ser un lugar de referencia onde a comunidade universitaria poida asesorarse e ter apoio para o exercicio dos seus dereitos" e comeza cuns obxectivos “humildes” pero entendendo que, en realidade, é “urxente” abordar dende a área un reto que cualifica de utópico, “que todas as persoas conten cos mesmos dereitos, independentemente da súa situación económica, da súa procedencia, da súa orientación sexual, da súa identidade de xénero, da súa convicción ou opinión ou por calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social”.
A nova área prestará servizo a todos os membros da comunidade universitaria que, como detalla Raquel Rey, “busquen asesoramento para exercer calquera dereito básico, intentando garantir o mellor clima posible para o seu traballo ou estudo na Universidade”. Aínda que asume que algúns colectivos “poden atoparse nunha situación de maior risco e polo tanto terán unha atención inmediata”, o obxectivo é que “todo o mundo poida beneficiarse da existencia da unidade nesta Universidade de Vigo”. Deste xeito, a área “terá un carácter global e integrador, que coordine toda a atención a diversidade que xa se está desenvolvendo, e máis que se realizará, co compromiso firme de garantir a creación de espazos seguros e acolledores nos centros e servizos para todas as persoas independentemente da súa orixe, capacidade ou identidade”.
“Unha firme crenza"
Ao igual que a Unidade de Igualdade, a Área de Diversidade vai depender organicamente do reitor, algo que para Rey demostra “unha firme crenza e compromiso polas políticas de diversidade e inclusión. Mostra un equipo de goberno consciente de que, apostando por e cunha comunidade universitaria diversa, a institución e a sociedade vaise ver beneficiada en termos de innovación e enriquecemento, porque visualiza a diversidade como algo que nos vai aportar e facer prosperar nun futuro”. Ademais, considera que “pór en valor a diversidade e a igualdade de oportunidades das persoas na UVigo significa ter presente un enfoque positivo e crítico da situación real da nosa sociedade, de como esta muda rapidamente e de como todos estes cambios poden contribuír como factor de desenvolvemento”. Neste sentido, Raquel Rey lembra que esta é unha aposta estrutural da institución, que promove “dende hai tempo normativas de inclusión, de convivencia e de non discriminación, favorecendo a participación en igualdade de oportunidades de toda a comunidade universitaria”. Por isto, fai fincapé en que se tratará de que “a unidade non camiñe soa, xa que hai especialistas multidisciplinares con amplo recoñecemento e experiencia de traballo nas facultades de educación, e en moitos servizos, que debemos traballar en rede, entre nós e cos servizos públicos da contorna”.
Retos máis inmediatos
As prioridades do novo servizo estableceranse “dentro de todo o que é a diversidade, persoas que teñan dificultades para o estudo, dificultades económicas, persoas que poidan ser discriminadas; todas as persoas que poidan estar en risco de calquera tipo de exclusión terán a miña porta aberta”. A partir de aí, Rey engade que as liñas prioritarias e os servizos que dependan da unidade marcaranos os órganos de goberno da UVigo. Como reto principal establece reforzar a atención á diversidade e crear un novo modelo de apoio inclusivo, orientado cara un proceso de asesoramento e facilitador dunha serie de recursos que axuden na práctica educativa. “Considero que un dos colectivos que non están atendidos axeitadamente son os mozos e mozas que proceden do servizo de protección. Dispor dun programa de apoio en colaboración cos servizos sociais para actuar considerando o contexto deste estudantado, identificando e favorecendo a súa inserción no ensino pos-obrigatorio é fundamental dentro das intervencións integrais a acrecentar nesta unidade”.
Traballar en rede con outros servizos
Esta nova unidade parte, como salienta a súa responsable, dun traballo previo de vicerreitorías, centros e servizos, “un labor que se vai a aproveitar e dar continuidade. Así, contamos con importantes mecanismos de orientación educativa, como é a Unidade de Atención ao Alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (Unaten), peza fundamental dentro da área de diversidade, un engrenaxe máis na aposta desta Universidade por intervir e apoiar nas cuestións relacionadas coa inclusión e a diversidade”. Outro dos desafío da unidade será “abordar a continuidade e mellora dos programas PIUNE ou UVigo Refuxio e o deseño de novas estruturas de acompañamento socio-educativo dende a chegada, e incluso antes, de calquera persoa á institución, sexa alumnado, PDI ou PTXAS, proporcionando habilidades e recursos para a xestión, inclusión e adaptación de todas estas persoas a UVigo”.
Respecto da atención psicopedagóxica, dende a unidade tamén se buscará o apoio da Xunta de Galicia para, tal e como establece a lei, ofrecer servizos gratuítos dirixidos á “orientación psicopedagóxica, de prevención e fomento do benestar emocional da comunidade universitaria e, en especial, do estudantado, así como servizos de orientación profesional”. Polo tanto, unha das prioridades será “comprobar con que recursos contamos nas cidades nas que están situados os tres campus universitarios, para optimizar e traballar colaborando con todos, e poder atender a toda a comunidade universitaria no exercicio dos seus dereitos e que estean no mellor clima posible para o seu exercicio, actividade laboral ou académica”.
Ademais, a Área de Diversidade tamén traballará estreitamente coa Unidade de Igualdade, coa que se deseñarán e desenvolverán “programas e xestións encamiñadas á inclusión e non-discriminación, algo que está implantado na estrutura de toda a institución. Axustar e ampliar de acordo as necesidades que requiren as lexislacións e a sociedade actuais é parte do traballo a realizar”.
A área prestará servizo tres días á semana no campus de Ourense, no soto do edificio de Ferro, e outros dous en Vigo, no terceiro andar do edificio Ernestina Otero e pon a disposición da comunidade universitaria o correo electrónico infodiversidade@uvigo.gal.