Tui avanza na recuperación do Teatro Principal dos Xogos Florais, peza chave da historia galega

Publicidad

Tui podería ao fin recuperar o Teatro Principal, que acolleu a primeira edición dos Xogos Florais de Galicia, un evento histórico ao converterse en 1891 no primeiro acto público oficial celebrado integramente en galego.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Patrimonio, Laureano Alonso, e o arquitecto César Portela presentaron hoxe o anteproxecto para recuperar o edificio, hoxe en ruínas, adaptado as necesidades actuais, pero sen perder a súa alma histórica.

Ao longo de tres andares - soto, primeiro andar e segundo andar - configúrase a distribución do edificio. Conserva o teatro con capacidade para 200 persoas entre o patio de butacas e dúas plateas, adaptado as condicións actuais. Tanto na primeira coma na segunda planta irán salas de usos múltiples, algunha delas coa posibilidade de ser dividida segundo as necesidades.

Ademais, o deseño de César Portela aproveita a súa priviliexiada situación no conxunto histórico de Tui para crear unha galería con vistas ao río na fachada posterior, accesible tanto dende a cafetería coma dende as salas de usos múltiples. Un lucernario permitirá dar luz natural a todos os andares. Amais, incorporou coma novidade unha cafetería-mirador sobre o Miño.

O proxecto inclúe tamén a reforma da praza de Fromista creando un conxunto plaza-teatro-mirador, chamado a converterse nun dos lugares destacados da cidade histórica.

O arquitecto César Portela recordou na súa intervención que coñeceu o Teatro Principal de Tui de neno, cando viña ata a vila dende Pontevedra co seu pai, Celso Emilio Ferreiro e Álvaro Cunqueiro, para asistir aos actos que aquí se celebraban. Xa coma arquitecto recibiu a encomenda do proxecto de rehabilitación nos anos 80, e agora volve atoparse con este histórico edificio para adaptalo de novo aos cambios na normativa.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, indicou a vontade do goberno municipal de rehabilitar este inmoble que “forma parte do noso legado cultural e patrimonial, é un sinal de identidade desta cidade, é un sinal de identidade da nosa cultura, e da cultura do noso país”. Nese senso apuntaba que non ten cabida nestes momentos o debate sobre a súa rehabilitación ou non, e lamentaba a situación de ruína na que se atopa o edificio en pleno corazón do conxunto histórico.

A recuperación do Teatro Principal suporá un investimento de case 3 millóns de euros, polo que explicaba o alcalde que “o Concello de Tui por si so non dispón da capacidade financeira para asumir esta rehabilitación”. Por iso avanzaba que iniciarán contactos coa administración provincial, autonómica e estatal, para lograr os fondos precisos.

Exterior actual del Teatro Principal
Salir de la versión móvil