O Goberno de Redondela vén solucionar múltiples problemas que, dende hai máis de cinco anos, afectaban a rede de alumeado público. Os problemas viñan dados, segundo explican dende o Concello, por deficiencias tanto no cableado soterrado coma o aéreo, que provocaban frecuentes fallos na prestación deste servizo básico e cuxa solución viña sendo longamente demandada pola veciñanza das distintas zonas afectadas.
A rexedora local, Digna Rivas, lembrou esta fin de semana que o Concello contratou a tres persoas a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra “como reforzo para o servizo eléctrico de cara a acometer un plan de reparación que dera solución a numerosos problemas no alumeado público”.
Deste xeito, o persoal contratado traballo na reparación e modernización do alumeado público, tanto soterrado como aéreo. Así, dende o mes de abril, procedeuse á substitución do cableado soterrado, caixas de fusibles e farois con problemas na estrada de Peinador dende o cruce do Camiño da Milixosa ata o Camiño da Lagoa; na Avenida de Vigo; en Cedeira no treito de estrada nacional comprendido entre a Estrada á Estación e a rotonda de Vilavella; na rúa Telmo Fernández cara a Praza da Constitución e rúa Prata; en Cabanas, en dirección á praia e na rotonda da entrada á autoestrada; na Avenida Redondela dende a rúa Alexándre Bóveda ata o alto da Encarnación e, nesa mesma vía, arranxáronse problemas dende a entrada a autoestrada ata o límite con Vigo, e finalmente, na estrada do Muro cara ao Porriño.
A estas reparacións de cableados soterrados sumáronse tamén as realizadas no tendido aéreo que, debido ao seu mal estado, fundamentalmente a empalmes no cableado e deficiencias nas caixas de fusibles, provocaba deficiencias no servizo e as continuas queixas da veciñanza. Nesta liña foi preciso substituír 432 metros lineais de cableado antigo por un novo RZ Trifásico. Así, no Camiño Xestal Lamosa, en Trasmañó, cambiáronse preto de 35 metros; na subida Cidadelle, Chapela, máis de 95 metros; Camiño Zacande, en Cesantes (37 metros); estrada da Teixeira, O Viso (60 metros); camiño dos Lagos do Viso, O Viso, (20 metros); camiño do Penedo, Cabeiro, (55 metros); na estrada Pazos, Reboreda, (30 metros) e no xestal Lamosa, Trasmañó, (100 metros).
De xeito paralelo, en breve investiranse preto de 70.000 euros para realizar un cambio de luminarias con tecnoloxía led, de maior eficiencia e menor custe enerxético para o Concello.
A alcaldesa Digna Rivas pediu a AER “prudencia e mesura” logo de que a Agrupación de Electores afirmara que os tres traballadores contratados “dedicáronse case exclusivamente á iluminación das festas” cando a realidade, segundo Digna Rivas, traballaron "arreo" xunto co resto do persoal do servizo para “reparar deficiencias no alumeado que afectaban á veciñanza e aos que AER, que dirixiu a Concellería de Alumeado durante dous anos, non foi quen de dar solución”.