O Concello de Redondela aprobou onte, en sesión plenaria, cos votos a favor do grupo de Goberno PSOE-AER, unha modificación de crédito con cargo ao remanente de tesourería de cara a poder destinar 717.062,07 euros á realización de investimentos para a mellora de viais públicos, saneamento, instalacións deportivas e parques públicos, case que todas no ámbito rural.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, adiantou que “estes investimentos son posibles despois que documento de liquidación do orzamento reforzase a boa xestión económica do equipo de Goberno ao cifrar unha estabilidade orzamentaria de 1.163.412,49 €”.
O equipo de Goberno subliña que precisamente son estes "bos resultados económicos" os que permitirán realizar obras de mellora de infraestruturas e servizos a veciñanza por importe superior aos 700.000 mil euros e que "contribuirán a mellorar a calidade de vida da veciñanza".
As parroquias serán as grandes beneficiadas destes investimentos xa que nelas desenvolveranse traballos de mellora de infraestruturas viarias, saneamento e zonas de esparexemento e ocio para a cidadanía.
Así, e no que á mellora das infraestruturas viarias fai referencia, o Concello investirá 443.745,07 euros no acondicionamento e mellora dos camiños do Subido (Chapela), e do Piñeiro e Santo Estevo; no acondicionamento e mellora da estrada de Santo Paio de Arriba (Reboreda); na pavimentación dos camiños Fontes, Cuco, Subido, Galo, Castañal e Eido de Bras e no ensanche do camiño do Albarren entre o camiño de Fortóns e a liña 810 de ADIF.
Doutra banda destinaránse 56.684,00 euros para as obras de saneamento do camiño da Landra en Redondela. A maior inversión destinarase para a realización da segunda fase do parque de San Estevo, 150.000 euros, “unha das prioridades para este goberno, pois era imprescindible darlle continuidade as obras xa rematadas da primeira fase” afirma a Alcaldesa. O proxecto xa está aprobado e poderá ser licitados en poucas semanas de cara a que a veciñanza poida contar cun lugar de lecer e esparexemento”.
Finalmente e no referido a infraestruturas deportivas, o Goberno local realizará un investimento de 66.561,00 euros na rehabilitación do Pavillón 'La Bombonera'.