Redondela comunica ao Goberno de España a súa "total oposición" ao cargadoiro de contedores de Rande

Publicidad

O Concello de Redondela contesta de xeito formal á consulta realizada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica sobre o denominado proxecto “Reordenación del acceso a la zona portuaria de Rande desde la carretera N-552”, que é o paso previo necesario para a futura instalación dunha terminal de carga e descarga de contedores que pretende realizar a Autoridade Portuaria de Vigo.

Nun informe técnico de 11 páxinas redactado por técnicos do Concello, argumentan técnica e xuridicamente a resposta que o Concello trasladou en tempo e forma: “total e absoluta oposición ao proxecto”. O escrito de rexeitamento foi asinado pola alcaldesa, Digna Rivas, e polo concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar.

A obra que propón a Autoridade Portuaria supón o trazado de novos accesos que non están previstos polo planeamento vixente (NNSS), nin polo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que se encontra en tramitación. Asemade, a infraestrutura prevista é de gran envergadura, pois inclúe muros de gravidade ou pilotados de considerable altura, caixón fincado baixo infraestruturas actuais, etc.
Todo isto suporía, segundo explican dende o Concello, “non una reordenación de accesos como denomina o proxecto senón unha infraestrutura nova que implicaría, dadas as dimensións das obras a executar, un enorme impacto visual e acústico no entorno de actuación”. Tendo en conta que estamos ante unha zona próxima á costa, Rivas argumenta que “esta obra sería totalmente contraria ao Plan de Ordenación del Litoral”.

Rede Natura e Patrimonio Cultural, ameazados

O cargadoiro atopase ademais en zona de Rede Natura con importantes bancos pesqueiros e de marisqueo dos que viven numerosas familias. Na contorna tamén está o denominado Cargadoiro de Coto Wagner (coñecido como antigo cargadoiro de mineral), elemento protexido, e a súa contorna que se sitúa no catálogo de patrimonio cultural.

O proxecto prevé dotar de acceso rodado á explanada, o que suporía cargar toda a zona de circulación de tráfico rodado pesado, a tal efecto no informe elaborado polo Concello inclúense recreacións realizadas polo arquitecto Carlos Falagán Mota, servizo encargado polo Concello de Redondela, onde se pode observar o enorme impacto visual que suporía nunha zona patrimonial e medio ambiental protexida.

Salir de la versión móvil