Redondela creará unha liña de axudas directas á hostalaría local ante a covid-19

Publicidad

O Concello de Redondela porá en marcha medidas de axuda específicas dirixidas ao sector da hostalaría que, nesta nova onda da COVID-19 e ante situación de confinamento perimetral, está a ser o grande prexudicado ao ter que pechar as súas portas durante un mes.

A alcaldesa Digna Rivas, acompañada da concelleira de Comercio, María Castro e do concelleiro de Turismo, Daniel Boullosa, mantivo unha reunión na Casa do Concello con representantes do sector coa finalidade tanto de escoitar as súas propostas como dar conta dalgunhas das medidas que o Goberno local porá en marcha, de xeito inmediato, para paliar o impacto desta nova situación “e contribuír á recuperación dun sector que ten unha extraordinaria importancia na dinamización comercial e económica do municipio”, sinala Digna Rivas.

En concreto, o Goberno municipal levará a pleno a derrogación da taxa de terrazas durante o 2021, devolverá o importe da taxa de lixo sobre o tempo que os establecementos estean pechados e creará unha liña de axudas directas par o conxunto do sector. Con respecto a estas axudas directas, Rivas subliñou que “as nosas hostaleiras e hostaleiros, que están a pasar por unha situación máis que complicada, non poden estar á espera dunhas anunciadas axudas da Xunta que non acaban de chegar”. En todo caso, explica Rivas, “dado que a pandemia ten unha evolución que ninguén é capaz de prever, o Concello estuda medidas que permitan que a hostalaría e o comercio adáptense ao novo panorama que se nos vai presentar e estar previdos para ese futuro incerto”.

Digna Rivas expresou o seu convencemento que “a COVID-19 marcará, sen dúbida, un antes e un despois e as administracións locais debemos anticiparnos a todos os escenarios posibles para, chegado o momento, dar respostas rápidas e eficaces á nosa veciñanza, á noso tecido empresarial e ao noso comercio e hostalaría”.

Amais, a rexedora local subliñou que o Concello contactará vía telefónica, cos profesionais do sector para coñecer a situación puntual de cada un e avaliar as medidas a adoptar.

Salir de la versión móvil