As obras de construción da primeira fase do parque infantil de San Estevo de Negros, que debían ter comezado o pasado mes de outubro e estar finalizado este mes de xaneiro, comezarán finalmente na primavera despois de que as condicións meteorolóxicas adversas impediran a realización dos traballos.
O Concello de Redondela optou por paralizar o expediente polo prazo máximo establecido na Lei de Contratos, seguindo as recomendacións dos técnicos, co obxectivo de evitar incumprir os prazos que provocaría a necesidade de celebrar un novo contrato e, polo tanto, alargaría máis os prazos.
O aprazamento prodúcese despois de que o pasado 29 de novembro do 2019 o director da obra emitira un informe no que manifestaba a imposibilidade de dar comezo ás obras previstas ao estar os terreos anegados polas continuas choivas dos últimos meses. O lugar onde se ten pensado realizar a actuación, con terras procedentes de distintos desterros, actúan a modo de esponxa propiciando o seu encharcamento.
As obras realizaranse nunha zona comprendida entre os camiños do Sapal e Costa Mouriño e consisten no acondicionamento dunha parcela para a posterior instalación dun parque infantil e unha zona deportiva para o que, o proxecto, inclúe os traballos de rozado de toda a parcela e a execución dunha rampla de acceso na súa vertente oeste.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, asegurou á veciñanza de San Estevo de Negros que a paralización dos traballos “debese exclusivamente a recomendacións técnicas de xeito que se poidan facer, posteriormente con todas as garantías necesarias”. Rivas asegurou que este aprazamento “non implica nin a perda dos fondos previstos nin moito menos a cancelación da obra”.
As veces, concluíu Digna Rivas, “é mellor esperar o tempo recomendado polos técnicos e facer unha obra en condicións que levala adiante de calquera xeito para ‘quedar ben’, como xa ten acontecido en épocas anteriores”. A obra, executada por Narom SL, ten un orzamento de 138.657,70 euros.