O Concello de Redondela e a Organización Galega para o Desenvolvemento "Da Man" veñen de poñer en marcha unha iniciativa que contribúa a paliar a dramática situación das persoas refuxiadas vítimas da guerra de Ucraína.
A alcaldesa Digna Rivas fixo un chamamento "á solidariedade que sempre caracterizou á veciñanza de Redondela e da que hai amplas mostras nos momentos máis difíciles" e animou ás veciñas e veciños a, dentro das posibilidades de cada un, achegar alimentos non perecedoiros, roupa, mantas, toallas e xabóns e demais elementos de hixiene persoal. O punto de recollida será no Multiúsos da Xunqueira que estará habilitado todos os días da semana ata as 22:00 horas.
A rexedora local subliñou que segundo as ONG que traballan sobre o terreo cos refuxiados, "o que máis se precisa nestes momentos son alimentos non perecedoiros como conservas, chocolate, café, té, arroz, aceite, sal, azucre, atún en latas, garavanzos e pasta amais de lanternas de diferentes tipos, roupa térmica, calcetíns, mantas e luvas".
Doutra banda as ONG atopan, tamén, escaseza de material médico básico como vendaxes, gasas, betadine, auga osixenada, material ortopédico, analxésicos, antiinflamatorios, antihemorráxicos, antibióticos, corticoides e torniquetes.
Digna Rivas non dubidou da capacidade da cidadanía de Redondela á hora de ser solidarios e puxo como exemplo ás Mulleres da Illa que "nos momentos máis escuros da nosa guerra civil e na posguerra e con grave risco para a súa vida e a das súas familias, non dubidaron en axudar a aqueles que se atopaban nunha situación de absoluto abandono".