Redondela lanza o Plan de Reactivación Local de case dous millóns de euros

Publicidad

O Concello de Redondela vén de poñer en marcha un Plan de Reactivación Local para paliar os efectos da situación xerada pola COVID-19 no municipio. A folla de ruta marcada polo Goberno local inclúe medidas de carácter sanitario, económico e social que permitirán dinamizar a actividade económica e ofrecerán apoios ás empresas e ós traballadores autónomos. Conta cun orzamento de 1.942.264 euros

“A nosa prioridade é impulsar o o comercio de proximidade e a nosa hostelería, ademais, queremos reforzar a actividade cultural e turística; así como ofrecer seguridade sanitaria, liquidez ós empresarios e avanzar na transición tecnolóxica”, destaca a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.

O Plan de Reactivación Local do Concello de Redondela inclúe ata seis programas diferentes de actuación e, en cada un deles, recóllense diferentes actuacións encamiñadas a apoiar ás empresas e ás familias do municipio. O Plan deseñado contempla e máis de medio cento de novas contratacións públicas. Para a posta en marcha das actuacións o Goberno local tivo en conta as propostas das asociacións empresariais, da veciñanza e das diferentes formacións que integran a corporación municipal.

Mercar en Redondela terá ventaxas

Entre as medidas incluidas nesta liña de actuación é a creación de 40 prazas de estacionamento rotarorio, de balde ao carón da praza de Abastos. Tamén haberá tickets de aparcamento de balde para os clientes que merquen nos establecementos adheridos a Mercanacasa e outros incentivos para buscar a fidelización do cliente.

Mercanacasa é un servizo de telecompra nas prazas de abastos de Redondela e Chapela e que ofrece ós clientes a posibilidade de comprar por teléfono e recoller os produtos no propio mercado.

Este primeiro programa do Plan de Reactivación Local, inclúe tamén a posta en marcha dunha campaña de promoción do comercio de proximidade, o lanzamento dun directorio dixital de anuncios gratuítos, como ferramenta dixital que permitirá coñecer as ofertas e as demandas da cidadanía, como por exemplo, os servizos de coidado de persoas maiores ou de limpeza.

Impulso do turismo

O Plan de Reactivación Local reserva outra partida de 173.450 euros para atraer turistas a Redondela. Neste caso, trátase do programa Dinamización comercial, cultural e turística do municipio. Para iso, o Concello ten previsto realizar rutas guiadas durante o verán e microeventos gastronómicos, culturais e deportivos. Por outra parte, inclúese a celebración de campamentos urbanos vinculados coa música, o teatro, as novas tecnoloxías e as artes plásticas.

Máis apoios a empresas e familias

O Plan de Reactivación Local tamén inclúe servizos de asesoramento a pemes, autónomos así como apoios para lograr a transformación dixital, un servizo que xa está en funcionamento a través da propia páxina web do Concello. Ademais, a administración local ten previsto habilitar o antigo centro de servizos sociais nun espazo de coworking. Deste xeito, no caso de que se producise un novo confinamento que impedise acudir ós centros de traballo, a veciñanza disporá dun lugar ó que dirixirse, explican dende o Executivo.

Outras medidas sociais

O Plan de Reactivación local de Redondela complétase con outros apoios de carácter social, dende axudas de entre 300 e 400 euros ás familias máis afectadas pola situación excepcional da COVID-19 ata facilitades de conexión á internet a aqueles escolares que carecen de conexión nos seus fogares. O Concello de Redondela tamén habilitou un sistema de repartición de alimentos entre as familias máis vulnerables do municipio. O orzamento destinado a estas actuacións supera os 371.000 euros.

Salir de la versión móvil