Redondela lanza un "contrato histórico" para limpeza de roza de camiños con case un millón de euros

Publicidad

O Concello de Redondela vén de informar que este ano contará cun "contrato histórico" para os traballos de roza en todos os camiños municipais das 13 parroquias. A empresa que se faga cargo do servizo deberá acometer todas as tarefas para manter as estradas e camiños libres de maleza e “en perfecto estado para o seu uso”. Os traballos permitirán tamén cumprir coa normativa de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Por primeira vez os traballos de roza e limpeza faranse dúas veces ao ano en todos os camiños públicos de Redondela, cunha primeira fase entres os meses de abril e xuño, aproximadamente, e unha segunda roza entre setembro e novembro. “O obxectivo deste contrato histórico é que todos os camiños das parroquias e as súas marxes estean en perfectas condicións todo o ano”, explica a alcaldesa Diga Rivas. Trátase dunha “aposta decidida” da rexedora local “pola mellora da calidade de vida nas parroquias” do servizo de limpeza.

O contrato, por dous anos, licítase por un importe máximo de 989.268 euros. O contrato podería prorrogarse dous anos máis, de xeito anual, ata un importe máximo de 1.978.536 euros para os catro anos. As empresas interesadas e presentarse a este concurso público teñen de prazo ata o 4 de marzo.

Os traballos a realizar pola empresa adxudicataria serán todos os necesarios para deixar os camiños e as súas marxes despezados, rozados e limpos. A roza e a limpeza incluirá a maleza, herbas e arbustos tanto nos camiños como nas beiravías e noiros, que deberán quedar no seu estado orixinal. Retirarase todo o lixo acumulado nas beiravías e gabias para permitir unha boa evacuación da auga, e limparanse os caños ou sistemas de drenaxe obstruídos por vexetación ou outros residuos. Desperdicios como bolsas plásticas, papeis, latas ou botellas que se atopen durante os labores de limpeza deberán ser retirados.

Este novo contrato inclúe a recollida e transporte de todo o material procedente das rozas e limpezas, así como a súa clasificación, xestión e tratamento segundo a normativa medioambiental. O cumprimento destas normas supón tamén que a empresa non poderá realizar ningún tratamento con produtos fitosanitarios. No caso de especies invasoras a empresa debe cumprir co plan de erradicación establecido pola administración.

Contratación de 10 persoas desempregadas

Á marxe da contratación dunha empresa, o Concello “non só manterá senón que ampliarán a contratación de persoas desempregadas para traballos de limpeza e mantemento”. Rivas explica que se aumenta ata 10 o número de operarios cos que contará Redondela a través do Plan +Provincia (antes Plan Concellos) “para servizos que se centrarán na limpeza das parroquias”. Deste xeito tamén se contribúe desde a administración local a dar traballo a veciñas e veciños en situación de desemprego.

Salir de la versión móvil