Redondela, "obrigada" a renunciar á Feira do Libro ante a "falta de sensibilidade" da organización

Publicidad

O Goberno local de Redondela cualificou de “falta de sensibilidade” a proposta de datas realizada pola Federación de Libreiros de Galicia para a celebración da Feira do Libro, ofrecendo ao Concello, como datas posibles, as que coinciden coa Festa da Coca, Festival Internacional de Títeres ou no mes de xullo, esta última rexeitada polas librerías locais ao coincidir con período de vacacións estivais e un mes habitual de altas temperaturas “que case garante a escasa ou nula afluencia de público”.

Tanto a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, como a concelleira de Cultura, Iria Vilaboa, coinciden ao sinalar que non é de recibo “que ao cuarto municipio da provincia de Pontevedra se lle ofrezan as datas baleiras logo de ter pechado o calendario con municipios de menor entidade en canto a número de habitantes fai referencia”.

Para o Goberno socialista redondelán, celebrar a Feira do Libro nas datas tanto na Festa da Coca coma do Festival Internacional de Títeres, “supoñería desvirtuar completamente un evento cultural de primeira magnitude e que debería ser unha festa grande non só do libro senón da cultura en xeral e arredor da que se organizan interesantes actividades complementarias”.

Nun casco urbano ateigado de público como acontece na Festa da Coca, e con multitude de escenarios móbiles como é habitual no Festival Internacional de Títeres, “os postos da Feira do Libro terían que ser trasladados a lugares afastados do centro urbano e, polo tanto, con menos visibilidade”, explica Digna Rivas quen asegura que “estariamos a facerlle un fraco favor ás librerías locais que, neste tipo de eventos, teñen que ser as protagonistas absolutas”.

Doutra banda, a outra data 'baleira' sería durante o mes de xullo, opción que foi rexeitada logo de que o Concello mantivera unha reunión coas libreiras e libreiros. “Xullo é, salvo contadas excepcións, un mes moitísimo calor e en pleno período vacacional, co que a afluencia de público sería case que simbólica”, asegura a rexedora local redondelá.

“Redondela é o cuarto municipio da provincia, non só dende o aspecto demográfico, senón tamén por importancia cultural e social”, afirma con rotundidade Digna Rivas para quen “deixar ás veciñas e veciños sen un evento cultural de primeira orde, como é unha Feira do Libro, non só é unha falta de sensibilidade senón que é unha falta de respecto a toda a veciñanza”.

Salir de la versión móvil