O Goberno de Redondela peonalizará a rúa Alfonso XII, vía principal da vila, os sábados e domingos entre as 20:00 e as 0:00 horas, nunha medida que busca o dobre obxectivo de proporcionar maior espazo á cidadanía á hora de pasear e, ao mesmo tempo, que poidan manter a distancia interpersoal que recomendan as autoridades sanitarias.
Do mesmo xeito, peonalizarase ese treito tamén cando se celebren eventos que, por ter unha maior afluencia de público, aconsellen adoptar dita medida para poder manter, entre os asistentes, o espazo de seguridade.
O executivo que preside Digna Rivas, sinalou que o horario para a peonalización puntual elixiuse á hora “en que comeza a diminuír a calor, momento en que se rexistra o maior número de persoas na rúa".
Dada a boa acollida que esta medida tivo entre hostaleiros e veciñanza en xeral, o Goberno local realizará unha enquisa “de cara a pulsar a opinión veciñal á hora de poñer en marcha esta medida tamén nas fins de semana a partir de setembro”. En todo caso, explica a alcaldesa de Redondela, “o horario variaría xa que no outono e inverno, é impensable saír a pasear no actual horario, expresamente pensado para a época estival”.