Redondela prepara xa os seus Ranchos de Reis deste Nadal

Publicidad

O Concello de Redondela vén de abrir o prazo de inscrición para as Rondallas e Ranchos de Reis que desexen participar nos actos programados polo Concello por mor da festividade de Reis deste 2022. O prazo estará aberto até o 31 de decembro e o Concello destinará 4.000 euros para premios, concedendo 500 euros a cada unha das formacións que se presenten ata o total do orzamento previsto. No caso de superar este, será repartido proporcionalmente entre as agrupacións participantes.

As bases, publicadas na súa integridade no BOPPO (Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra) do luns 29 de novembro de 2021, establecen que as formacións participantes deberán gardar “unha unidade temática tanto no seu vestiario como na súa actuación”. Non se considerarán como Rondallas ou Ranchos de Reis con dereito a inscrición e participación aquelas que en anos anteriores repetiran, no substancial, o tema.

Poderán solicitar a súa inscrición as Rondallas ou Ranchos de Reis de adultos (con máis de 5 persoas maiores de 16 anos); mixtas (cun número superior a 20 persoas das que, cando menos dez sexan alumnos/as do centro e o resto nais, pais e profesorado) e Rondallas ou Ranchos de Reis infantil (con máis de oito persoas menores de 16 anos.

Para poder optar ao premios, as Rondallas ou Ranchos de Reis deberán formalizar a súa inscrición cubrindo a correspondente folla de inscrición e presentándoa antes do 31 de decembro (incluído) no Rexistro de Entrada do Concello de Redondela, no caso de ser unha persoa física ou, obrigatoriamente, a través da sede electrónica https://redondela.sedelectronica.gal no caso de tratarse de persoas xurídicas.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, animou ás formacións a participar “e contribuír a que veciñas e veciños, nestes tempos complicados, poidan gozar do espírito da Festividade de Reis”. “Temos que adaptarnos á esta nova realidade pero, con responsabilidade e adoptando as medidas axeitadas, poderemos volver a desfrutar das festas do Nadal”, sinala a alcaldesa.

Rivas lembrou finalmente que “por razóns sanitarias e atendendo a evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19, a celebración do desfile poderá cancelarse” en aplicación das medidas establecidas en cada momento na normativa estatal, autonómica ou municipal quedando deserto.

Salir de la versión móvil