“Apostamos pola tolerancia, a diversidade e o respecto e loitaremos, sen descanso e con todos os recursos dispoñibles contra a homofobia e a intolerancia, porque é único xeito de acadar unha sociedade igualitaria e realmente xusta”. Así o manifestou na mañá de hoxe a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, no acto institucional do Día do Orgullo LGTBIQ+ que tivo lugar na Praza do Concello. O acto, insistiu a rexedora local, quere expresar o sentir da cidadanía “en apoio de aqueles e aquelas que, por motivos de identidade ou da súa orientación sexual, son vítimas de persecución, acoso e mesmo violencia”. Redondela, afirmou con rotundidade Digna Rivas, “foi sempre referente en defensa dos valores individuais e, afortunadamente, contamos cunha cidadanía que sabe perfectamente que o respecto aos demais, no máis amplo sentido da palabra, é a mellor vía para acadar unha sociedade igualitaria, xusta e decente”.
O manifesto foi lido por Andrés e Carolina de Pvlse e Puri por parte da asociación Irisar. No escrito, faise fincapé na necesidade de “seguir buscando unha igualdade real para todas as persoas que queren vivir a súa vida de maneira libre e sen imposicións” e quería ser, ao mesmo tempo, unha mensaxe de compromiso con todas esas persoas que loitan todos os días por mostrarse elas mesmas e por non deixar que ninguén lles diga o que deben sentir ou a quen amar”. Amosábase tamén o apoio ás persoas trans que seguen vendo como o mundo que lles rodea “parece non entender a súa realidade e que esa venda que a moitos non deixa ver a persoas fermosas, xera unha dor inmensa e fainas sentirse apartadas. Vémosvos, escoitámosvos e querémosvos, tal e como sodes ou queredes ser, sen vós, este mundo perdería cor e sería un lugar máis triste”.
Cinco puntos de compromiso pechaban este manifesto. Cinco puntos cos que o Concello de Redondela deixaba ben clara a súa postura ao condear “calquera discriminación ou atentado tanto físico coma verbal contra as persoas LGTBIQ+” e procurar “o benestar e respecto aos dereitos de calquera persoa, sexa cal sexa a súa identidade ou orientación sexual”. O Concello deixou clara a súa censura “aos espazos que se proclaman «libres de LGTBIQ+», eufemismo que empregan para repudialos. A eles nos enfrontamos declarándonos «Concello de liberdade» para todas as persoas, independentemente da súa identidade de xénero ou afinidade sexual”.
Redondela amosaba, neste acto e con este escrito, o seu compromiso firme e decidido a promover “a igualdade, empoderamento e integración do colectivo LGTBIQ+” e “o movemento para a construción dunha sociedade inclusiva, segura e con solucións para todas e todos”.
Doutra banda, o Concello redondelán amosa, nestes días, o seu compromiso dun xeito visual, alumeando coas cores arcoiris, tanto a ponte de madeira da Alameda Castelao como a propia Casa do Concello. Amais, o banco coas cores arco iris situado na Praza do Concello, convértese nun photocall coa lenda «Posa» para que veciñas e veciños saquen fotos nese lugar e, con ese simple xesto estean amosando o seu apoio ás persoas LGTBIQ+.
Os actos do Día do Orgullo LGTBIQ+ continuarán este vindeiro 2 de xullo, venres, cunha charla impartida pola asociación Pvlse e que, baixo o título "Diversidade e historia LGTBIQ", terá lugar ás 20:00 horas na sala de exposicións do Multiúsos da Xunqueira. Ás 21:00 horas, e na Alameda Castela, abrirase un Punto de Información Arcoiris e, ás 22:00 horas o punto e final aos actos o poñerá o concerto de Sacha na horta, tamén na Alameda Castelao.