O Concello de Redondela continúa apostando pola iniciativa “Maiores en Ruta” coa intención de ofrecer ás persoas maiores de 55 anos a posibilidade de gozar de excursións dun día de duración a lugares de interese cultural, histórico ou patrimonial.
Os roteiros, que son de periodicidade mensual, están abertos á participación de todas as veciñas e veciños maiores de 55 anos empadroados no municipio. O prezo da actividade varía dependendo de factores como pode ser, por exemplo, a distancia da viaxe, aínda que serán accesibles a todos os petos. O prezo incluirá desprazamentos, visitas, comida nun restaurante e seguro de viaxe.
"Despois do éxito das primeiras programacións, como a saída do 27 de maio a Ribadavia, os veciños e veciñas da contorna comezaron a apuntarse en masa", aseguran dende o Concello. A seguinte saída estaba programada para A Estrada, Silleda e Caldas de Reis o 5 de outubro, pero no primeiro día de apertura de prazas xa estaban anotadas 250 persoas. Por este motivo a alcaldesa, Digna Rivas, decidiu ampliar as datas da excursión “engadimos un día máis pola extraordinaria recepción que está tendo a iniciativa. Non queremos que ninguén se quede fora e por iso decidimos ampliar a data e facer a mesma excursión o 28 de setembro. A intención é que as persoas maiores poidan socializar e facer actividades ao aire libre, polo que queremos que teñan a oportunidade de facelo a maior xente posible”.
Toda a información relativa ás próximas saídas pode consultarse na oficina de turismo municipal.