Logo de dous meses de suspensión, o mercado de Redondela volverá a retomar a súa actividade o próximo sábado 6 de marzo. O Concello toma a decisión despois de comprobar a diminución de casos activos por coronavirus. A feira do sábado contará, segundo explican dende o Goberno municipal "cun estrito control" de seguridade santiaria. “É preciso que a veciñanza tome conciencia de respectar as normas xa que diso depende, en grande parte, que poidamos seguir na liña descendente e volver a acadar unha certa normalidade” sinala o concelleiro de Feiras e Mercados, Vicente Lamas.
De cara a posibilitar que os postos de venda manteñan unha distancia de seguridade apropiada, a feira ocupará toda a Avenida Mendiño que, nesa xornada, quedará pechara ao tráfico, polo que se habilitarán itinerarios alternativos. “Sempre é un inconvinte pechar á circulación rodada unha avenida céntrica –explica a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas– pero sabemos que a cidadanía entende perfectamente a necesidade desta medida que permite compatibilizar a celebración da feira coa necesaria seguridade fronte á COVID-19”
Policía Local e Protección Civil vixiarán o cumprimento das normas sanitarias no que fai referencia ao uso obrigatorio de máscaras, que deberán usarse en todo momento, e ao mantemento das distancias mínimas de seguridade. Amais, estableceranse rutas de entrada e saída no recinto para evitar tanto aglomeracións como cruces innecesarios de persoas.
Chegar a este punto da desescalada, subliña a alcaldesa de Redondela, “non foi doado” e lembrou os esforzos que tiveron que facer a cidadanía, empresas, hostalería e comercio local para chegar a actual situación de diminución de contaxios. “Agora depende de nós e da nosa responsabilidade seguir nesa liña descendente e facer que todos eses sacrificios valesen a pena”. Finalmente, Rivas quixo transmitir o seu sincero agradecemento “á toda a cidadanía que, durante case un ano, leva cumprindo as directrices sanitarias, seguindo as pautas e recomendacións que ditan as autoridades tanto autonómicas como estatais e que, coa súa actitude, permiten que vaiamos camiñando cara a unha nova normalidade”