Redondela suma máis de 100 novas fotografías para coñecer o seu pasado

Publicidad

A Concellería de Cultura do Concello de Redondela, que xestiona Iria Vilaboa, vén de recibir 125 imaxes cedidas ao Arquivo Audiovisual por Luis Borines, veciño de Cesantes que comezaba aló polos anos 80, unha colección de tarxetas postais con remitentes ou destinatarios e destinatarias de Redondela, colección que ao longo dos anos foi engrosando con pezas que atopa en anticuarios, páxinas e tendas especializadas ao longo do mundo.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, agradeceu “á xenerosidade” de Luis Borines que permite á hora de compartir tanto as imaxes “como os seus amplos coñecementos sobre as mesmas”. A alcaldesa adiantou que dende a Concellaría de Cultura “estase traballando para poder difundir a súa colección tamén noutros formatos coma exposicións ou charlas explicativas”.

Hoxe en día Luis Borines conta con máis de 300 obxectos de coleccionismo: tarxetas postais dos antigos Hauser e Menet, da Fototipia Thomas ou dos fotógrafos locais Díaz e Rodríguez ou Avelino Cal e Saturno Cal; cromos, fotografías, fotogravados de prensa antiga, ... mais tamén dispar documentación coma facturas de antigas fábricas (EIMA, IME,..) ou almanaques de Redondela do 1904.

Trataríase de 600 imaxes aproximadamente, de fins do s. XIX e primeira metade do s. XX: a maior e máis antiga colección centrada en Redondela que se coñece hoxe en día. Parte desta colección foi recollida no 2001 no libro A memoria de Redondela. Álbum de Postais de Luis Borines e J. A. Xesteira editado por Xerais no 2001.

Pero a gran valía desta colección reside nos coñecementos que Luis Borines ten sobre o mundo das tarxetas postais: a importancia dos selos, dos timbres, das técnicas de impresión, das modas de edición, etc.

Desta vez a colección ampliada vai acompañada dunha ficha descritiva na que Luis Borines, en colaboración co Arquivo municipal, explica as paisaxes de Redondela que nelas se recollen, a propia historia da postal e dos produtores da mesma. Deste xeito, a historia da tarxeta postal convértese nunha testemuña visual da Historia da vila de Redondela.

Tanto as imaxes coma a explicación das mesmas, abriranse ó público nos próximos días podendo ser consultadas de xeito presencial no Arquivo municipal, ou dixital a través da páxina web do Concello de Redondela e da Deputación de Pontevedra.

Salir de la versión móvil