Redondela suspende eventos e adopta medidas para frear o avance da COVID-19

Publicidad

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, anunciou hoxe unha serie de medidas que o Concello adoptará para “frear, na medida do posible, o avance da COVID-19 e garantir a saúde e seguridade das nosas veciñas e veciños”.

Logo da publicación da edición extraordinaria do Diario Oficial de Galicia na que se especifican as limitacións na celebración de diversas actividades de cara a poñer freo a escalada de contaxios que se están a dar na comunidade autónoma, o Concello redondelán decidiu suspender unha serie de actividades previstas.

Entre as medidas, cabe salientar a suspensión do mercado quincenal que tería que celebrarse o 6 de novembro. Suspéndense tamén os cursos de taichí, celebración de roteiros e visitas guiadas ao cemiterio de Eidos.

Doutra banda, o Goberno local optou pola suspensión de todos os actos culturais programados, ao non poderse celebrar coas actuais restricións ditadas pola Consellería de Sanidade. Do mesmo xeito, os parques públicos e instalacións similares permanecerán pechados de 00:00 horas a 06:00 horas.

Do mesmo xeito, extremaranse as medidas de seguridade no mercado de abastos, de cara a que a veciñanza poida facer, de xeito ordenado e sen risco, as súas compras. Asemade o Concello enviou correos electrónicos aos centros culturais e asociacións do municipio nos que se lles lembra que o aforo de cinco persoas para a realización de actividades.

Dende o Concello, a alcaldesa Digna Rivas volveu a lembrar a necesidade urxente “de cumprir coas medidas preventivas publicadas dende o Concello, como medio máis eficaz para evitar a propagación da COVID-19”. Non podemos permitirnos o luxo, asegurou a alcaldesa de Redondela, “de ignorar recomendacións que poden ser o único medio para evitar volver a un confinamento que tería unhas consecuencias incalculables”.

Rivas fixo tamén un chamamento para que veciñas e veciños “limiten o contacto con persoas non convivintes”, como medio para protexer “non só a súa propia saúde, senón a das súas familias”.

A rexedora local lembrou que, pese ao nivel de contaxios que se están a dar na comunidade autónoma, “Redondela está en nivel 1, polo que a situación é menos grave que noutros concellos”. Aínda así, insistiu a alcaldesa de Redondela, “o segimento estrito das normas preventivas recollidas na campaña 'Faino por Todxs' segue a ser unha das mellores ferramentas que temos na nosa man para combater a expansión da COVID”.

Salir de la versión móvil