Rexións do espazo atlántico impulsan en Vigo unha rede internacional arredor da biotecnoloxía azul

Publicidad

Cun orzamento de 2,3 millóns de euros e no marco da convocatoria Interreg Atlantic Area, este xoves botou a andar en Vigo o proxecto europeo Marinnonet, que ten como finalidade mellorar as capacidades de innovación e transferencia das rexións do espazo atlántico no eido da biotecnoloxía azul. Liderado polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM, no consorcio están implicadas institucións e empresas como a Estación Marina de Plentzia da Universidad del País Vasco, o Banco Español de Algas da Universidad de las Palmas de Gran Canaria, o Instituto Español de Oceanografía do CSIC (IEO), University of Galway (Irlanda), a Universidade do Minho (Portugal), a Estación Biolóxica de Roscoff da Universidade da Sorbona, Munster Tecnological University (Irlanda), o cluster Pôle Mer Bretagne Atlantique (Francia) e AsociaÇao Nacional para os Biorecursos Marinhos e Biotecnologia Azul (Portugal).

A finalidade do proxecto, de tres anos de duración e liderado polo director do grupo de investigación PhysToFish, José Luis Soengas, é reunir nunha rede de cooperación transnacional os actores da cuádrupla hélice (academia, administración, empresas e sociedade) de España, Francia, Portugal e Irlanda dedicados á I+D+i de biotecnoloxía mariña. Esta rede permitirá potenciar a capacidade de innovación do sector en tres campos de actuación: innovacións para unha acuicultura eficiente, sostible e resiliente; tecnoloxías ómicas de observación para preservar a biodiversidade mariña e restaurar a saúde do océano; e produtos mariños para aplicación industriais. Desta forma, lograrase a explotación conxunta das súas competencias e capacidades en beneficio da innovación azul para asegurar a súa competitividade na economía azul europea e mundial e o uso sostible dos recursos mariños, contribuíndo á adaptación ao cambio climático.

“Un grande exemplo de colaboración transnacional”

Na reunión de lanzamento deste xoves, a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, sinalou que “este proxecto supón unha promesa para o avance da biotecnoloxía que será clave para a sostibilidade futura do espazo atlántico”. Rubio destacou que Marinnonet é “un grande exemplo de colaboración transnacional e de como a cooperación é moito máis beneficiosa que a competición” e incidiu en que “o uso das capacidades do espazo atlántico establecendo no centro o obxectivo de adaptación ao cambio climático e o uso da biotecnoloxía mariña para mellorar o futuro das novas xeracións é unha característica primordial desta rede”. Pola súa banda, o director do CIM, Daniel Rey, recalcou que “moitas destas colaboracións xa existían previamente en estruturas como o Campus do Mar e proxectos como o BlueBioLab, por exemplo, pero é unha característica fundamental para o éxito do proxecto e para o avance da investigación mariña”. Ademais, agradeceu aos socios “ter creado a oportunidade de establecer unha rede transnacional de cooperación en I+D+i co obxectivo principal de fomentar actividades de biotecnoloxía mariña impulsadas polo mercado e garantir a utilización efectiva dos seus resultados aproveitando as capacidades das rexións do espazo atlántico”. O responsable do CIM tamén quixo destacar “o interese do proxecto en harmonizar a mellora da capacidade de innovación no sector da biotecnoloxía azul cos obxectivos de preservación do ecosistema e adaptación ao cambio climático”, engadiu. Pola súa banda, o responsable do proxecto, o catedrático José Luis Soengas, avanzou que agarda que “a iniciativa colleite grandes éxitos e que a rede creada se manteña no futuro”.

Inicio do proxecto

Na fase inicial do proxecto realizaranse reunións de innovación aberta e co-creación para establecer as temáticas, desafíos e oportunidades comúns do territorio organizados arredor de tres campos de acción: acuicultura eficiente, tecnoloxías ómicas e subprodutos mariños para aplicacións industriais. A partir de aí, o proxecto lanzará convocatorias internas de proxectos piloto que ofrezan solucións prácticas a estes desafíos, dando lugar así á transferencia real deste coñecemento ao mundo empresarial e á sociedade.

Cooperación internacional

Xunto co CIM e resto de entidades do consorcio, colaboran como asociados neste proxecto o Centro Interdisciplinar de InvestigaÇao Marinha e Ambiental (CIIMAR) de Portugal, a Axencia Galega de Innovación (GAIN), a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados y Mariscos (Anfaco), o Blue Bioeconomy CoLAB (Portugal), a Hazi Fundazioa, a Sociedad de Promoción Económica de Gran Canaria, a Irish Bioeconomy Foundation (Irlanda), o grupo de acción costeira GALP Ría de Vigo e o grupo de acción local pesqueiro do país vasco Itsas Garpen Elkarta Flag.

Salir de la versión móvil