Non haberá máis Festivais Arraianos, festa de época que comezou no 2016 en Tui e que tería que celebrar este ano a súa terceira edición. No seu lugar, o Concello de Tui traballa xa nunha nova celebración, unha “festa de verán centrada no Pacto de Tui”, segundo explica o rexedor tudense, Carlos Vázquez Padín, a Metropolitano.gal
A eliminación do festival foi denunciada esta tarde pola organización do mesmo e confirmada polo propio alcalde tudense. “Tui ten unha historia medieval moi rica, non é Porriño, nin Salceda, e a festa debe estar encamiñada a un evento histórico que se producira en Tui e soamente en Tui”. Con esta premisa Vázquez Padín defende a eliminación do Festival Arraianos pola festa do “Pacto de Tui”, que fai referencia ao tratado acordado na cidade en 1137 entre Afonso VII de Castela e León e o seu curmán, o infante Afonso Henriques, como fin das hostilidades e co obxectivo de marcar as fronteiras lusas.
Este novo evento non será unha festa exclusivamente medieval, segundo defende o Concello, senón que contará con dous concertos nocturnos, posiblemente fóra da zona monumental. A idea inicial é que un sexa en galego e outro en portugués para así conmemorar a convivencia ás dúas marxes do Miño. O novo goberno busca facer coincidir o evento coa súa efeméride, o 4 de xullo, polo que con toda probabilidade terá lugar o día 6 ou 7 de xullo, toda conta que o día 4 é un mércores.
Arraianos denuncia a “instrumentalización política”
Unha “afrenta” e un “despilfarro”. Así censuran dende a organización de Arraianos a decisión do goberno tudense de cancelar o festival e crear un novo. Aseguran que o “Concello apropiase das ideas iniciais dun evento creado de forma altruísta para os habitantes da nosa cidade e que non supoñía un coste excesivo de diñeiro público” e denuncian que se busca crear unha nova marca para “desvincularse do anterior goberno simulando que se está a construír algo novo, pero aproveitándose da nosa experiencia e coñecementos”.
As palabras da organización de Arraianos son especialmente duras co alcalde tudense, Carlos Vázquez Padín, a quen recomendan “un pouco máis de flexibilidade” e solicitan que non “pense que todas as súas ideas son as boas e as demais non”.
Dende Arraianos pedían ao goberno municipal paciencia, facendo referencia a outros festivais como a Festa da Istoria ou a Arribada, con décadas de traballo as súas costas para asentalos como citas obrigadas do calendario galego. Porén, sosteñen dende Arraianos, que agora que comezaba a “consolidarse” na cidade, “destrúese todo”.
https://www.youtube.com/watch?v=fB432fM44So
Falta de comunicación e maior gasto
Segundo denuncia a directora do Festival, Andrea Costa, o alcalde de Tui comunicou a cancelación do festival fai 15 días, de forma sorpresiva. Tras a chegada do novo goberno coa moción que expulsou a Enrique Cabaleiro do Concello, Costa pediu un encontro para abordar a organización de Arraianos. Nese momento, segundo asegura a directora do festival, aseguróuselle que continuarían co evento, aínda que pediron incluír referencias ao Pacto de Tui.
Finalmente, “o que fan é cambiar o nome, a data de celebración e a autoría”, asegura Costa quen explica que o festival continuará sendo eminentemente medieval incluíndo os dous citados concertos.
Tamén existe controversia cos custes de organización. Dende Arraianos denuncian que coa creación desta “festa de verán” o Concello realizará unha maior aportación económica. Na primeira edición de Arraianos, en 2016, o Concello de Tui aportou 12.000€ de subvención. No 2017 a cantidade creceu até os 20.000€. Agora, o novo evento contará cun orzamento de 30.000€, segundo os datos feitos públicos esta mañá. A diferencia económica explícase nos dous concertos que agora aparecen nas celebracións.