O Concello de Salceda de Caselas vén de rematar as obras de mellora da estrada que une os barrios de Barreiro e Pomar de Suso, na parroquia de Santa María, coordinadas pola Concellaría de Vías e Obras que dirixe a tenente de alcaldesa Loli Castiñeira. O proxecto conta cun orzamento de 45.112,43 euros, dos cales 37.283 son financiados polo Agader a través do Plan de Mellora de Camiños Municipais, e o resto con fondos propios do Concello.
Coas obras, procedeuse ao asfaltado dos dous tramos da estrada que se atopaban en peores condicións, e aproveitouse tamén para acondicionar a entrada ao Centro Cultural de Castro Barreiro, así como o acceso ao barrio da Retorta. Tamén durante as obras se solucionaron problemas de deterioro das tubaxes de regadío, e a traída de augas veciñal aproveitou para cambiar un treito da súa rede, aforrando deste xeito o custo que lles suporía a apertura e peche da estrada.
Este tipo de obras resultan "fundamentais" para o mantemento e mellora da rede de viais municipais, con especial atención ás estradas do rural, indispensables para seguir a mellorar a calidade da vida das parroquias, segundo explican dende o Goberno municipal. Neste caso trátase dunha estrada moi empregada pola veciñanza dos barrios Barreiro e Feira, polo que o equipo de Goberno considerou esta como unha boa proposta para incluír na subvención deste ano.
Para a tenente de alcalde, Loli Castiñeira, este tipo de actuacións permiten "ofrecer unhas insfraestruturas e uns servizos completos que impulsen o asentamento de poboación nas nosas parroquias", opinión que comparte a rexedora local, Verónica Tourón, que aposta por seguir mellorando "servizos fundamentais" no rural como base das políticas locais.