Salceda súmase a DBarrio, o “Amazon vigués” do pequeno comercio

Publicidad

A crise do coronavirus e o seu consecuente confinamento puxo en auxe o sistema de compra on line, en detrimento en moitas ocasións do comercio local. Precisamente buscando novas alternativas naceu o "Amazon vigués" DBarrio, unha plataforma que ofrece un servizo de venta a través de internet coa diferenza de que é feito directamente polo pequeno comercio. A iniciativa, que xa funciona en concellos como Vigo, Gondomar, Nigrán ou Salvaterra de Miño, chega agora a Salceda onde se agarda que sexan moitos os comercios que participen.

A través da web de DBarrio (preme aquí), as persoas que fagan uso deste servizo poderán escoller e adquirir o producto que máis lle interese no comercio que prefira, engadíndose ademais a facilidade de poder elexir cómo, cando e onde quere que lle sexa entregado. Nestes días os comercios adheridos ao programa están a cargar xa a súa oferta de produtos na plataforma, polo que xa se pode acceder ao servizo segundo se vaian incorporando o resto de locais adheridos.

A concelleira de Comercio, Verónica Tourón, sinala que “dende o concello seguiremos dinamizando o comercio e a hostelería local da man das e dos comerciantes como vimos facendo ata agora e poñendo á súa disposición todas as ferramentas precisas para adaptarse ao novo contexto que estamos vivindo”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, destaca que “coidar o pequeno comercio é unha das prioridades, que nesta crise do coronavirus se fixo aínda máis imprescindible. Esta iniciativa ofrece solucións de presente pero sobre todo de futuro, por iso decidimos que o Concello de Salceda dera un paso importante coa financiación da mesma. Non quero deixar de agradecer o traballo que as dúas asociacións de comerciantes están a facer en Salceda, tanto durante esta crise como no resto do ano”.

Salir de la versión móvil