O Concello de Salceda de Caselas adheriuse por segundo ano á campaña "En negro contra a violencia", unha iniciativa xurdida en 2015 no Concello de Santiago e á que se sumaron o ano pasado 75 concellos de toda Galicia. En 2018, a campaña chega a 97 concellos e tres Deputacións. O Concello de Salceda non quixo ser menos e aceptou o convite feito dende a capital galega. A responsable da área de Igualdade, Teresa Pérez, convidou aos comercios da vila a ser partícipes desta campaña de concienciación contra a violencia machista.
No caso do concello salcedense son xa numerosos os establecementos e colectivos que estes días están a comunicar a súa adhesión á campaña. A acción consiste en tinguir de negro a vila na semana do 19 ao 25 de novembro a través dos escaparates, os manenquins ou a roupa de traballo. Trátase de amosar o loito en sinal de dor por tódalas mulleres que sofren violencia machista e como resposta á máis dura das súas consecuencias, a morte. O ano pasado participaron na campaña máis de 60 establecementos comerciais da vila, así como numerosos colectivos sociais, culturais, deportivos e educativos.
O Concello de Salceda sinala que está a dar importantes pasos na loita contra a violencia de xénero. Así, nestes días vanse realizar accións formativas nos centros escolares de primaria e secundaria para concienciar aos nenos e nenas na importancia da igualdade e do rexeitamento á violencia de xénero. O Concello ofrece tamén un servicio de asesoramento xurídico ás mulleres víctimas de violencia de xénero, que en numerosas ocasións se ven perdidas e sen saber a onde recorrer para saír dunha situación límite.
A concelleira de Igualdade, Teresa Pérez, afirmou que "a violencia de xénero é a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres polo feito mesmo de selo, unha desigualdade silenciada, agochada e, en moitos casos, normalizada que afecta tamén ás e aos menores". A edil destacou que "as institucións temos a obriga de desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres".