A ciencia non é un ente bretemoso e afastado das necesidades locais do día a día, senón que ten usos e aplicación inmediatas nos problemas da cidadanía, da economía e do medio ambiente galego. Así o quere poñer de manifesto o Concello de Ponteareas que está a celebrar a súa Semana da Ciencia.
A iniciativa, que parte da concellería de Ensino e arrancou este pasado luns, achegará até o municipio a expertos de diferentes áreas como cambio climático, oncoloxía, obesidade de alimentación, pedagoxía ou aproveitamento forestal.
En total, celebraranse cinco conferencias, exposicións, seminarios ou obradoiros infantís para achegar a ciencia aos máis cativos.
As conferencias, na Sala Multiusos do Auditorio Reveriano Soutullo arrancarán ás 19:30 horas. Este martes, 10 de abril, o director da escola de enxeñería forestal de Pontevedra, Juan Picos, será o encargado de dar conta das alternativas de aproveitamento forestal que á vez poidan facer dos nosos montes un campo produtivo evitando o abandono e os incendios salvaxes asociados ao mesmo como os do pasado mes de outubro. Picos tratará de dar resposta a pregunta de “como facer produtivos os nosos montes”.
O mércores, día 11, o director do Campus do Mar de Vigo, Emilio Fernández Suárez, será o encargado da conferencia “Cambio climático, un reto para a humanidade”.
Por último, o xoves, o ambientólogo Miguel Álvarez impartirá unha conferencia titulada “Antropoceno? Unha ollada dende os ríos galegos”.
A Semana das Ciencias de Ponteareas inclúe tamén experiencias científicas e unha feira da man enfocadas para o alumnado dos centros educativos da vila. Podes consultar a programación completa na imaxe inferior.