María Xosé Silvar, SES, demostrou en Moaña ser unha aposta segura, unha garantía de éxito para comezar ao grande a programación de “Días de Mar”. A artista galega presentaba na vila morracense o seu último traballo, “Liberar as arterias”. O Palco da Música ofrecía unha contorna única para gozar da música dun dos referentes culturais do país.
A emerxencia sanitaria do coronavirus marca esa “nova normalidade” dos concertos. A pandemia pon a proba as gañas e a paixón que tanto as administracións como a xente teñen pola cultura. As actuacións contan agora co seu particular “teloneo”: limpeza de mans ao entrar no recinto, uso de máscara, distancia de seguridade e gozar do espectáculo sentado. Todos eses desafíos non puideron con este desexado encontro entre Moaña e SES, unha xuntanza que permitiu desfrutar do que será, case de seguro, un dos grandes concertos deste verán na provincia de Pontevedra.
SES é un seguro de vida. Unha garantía de espectáculo. A súa proposta poderíamos dicir que é universal. A artista galega propuxo ás seiscentas persoas que estaban no Palco de Música unha viaxe por diferentes estilos musicais. Porque a vida é precisamente iso, un traxecto de diferentes momentos, sentimentos e emocións. Rock and roll, habaneras ou blues. Había oco para todo nunha noite na que a lúa tamén ofrecía un marco idílico ao recital que estreaba a programación de “Días de Mar”.
A velada permitiu a SES enarborar a importancia da cultura nestes tempos de loita contra o coronavirus. “Se poden ir avións de Iberia cheos, por que non pode haber cultural?”. A música agradecía o apoio do goberno local de Moaña por sumarse á campaña “Non nos canceles” e por esa aposta polo mundo da cultura. SES demostrou que a música en directo ten espazo nesta “nova normalidade”. É o poder da cultura, unha inxección de felicidade, riqueza e emocións que onte degustaron máis de medio millar de persoas en Moaña.
A programación de “Días de Mar” continúa este domingo 2 de agosto coa celebración dunha nova edición da Feira EcoArtesá, que terá lugar entre las 11:00 e as 21:00 horas. Haberá entre 40 e 50 postos nos que haberá produtos de artesanía, xoiería, antigüidades, mobles, minerais ou postos de alimentación como queixos, repostería, plantas medicinais, froitos secos ou marmelada. Tamén haberá un espazo para a comida cun posto de churrasco e unha polbeira, que permitirán aos asistentes gozar dos pratos en pequenas “haimas”. Sen embargo, a gran cita chegará coa actuación de Uxía Lambona e a Banda Molona.