SES reinventa o mundo no Auditorio Mar de Vigo

Publicidad

Como ela mesmo sinala, son cousas básicas: “Que pertinente, que pertinente, andar pola vida humanamente”. Pero ás veces -demasiadas- é pertinente tamén dicilo, e se por algo se caracteriza María Xosé Silvar, SES, é por non ter medo a expresar as súas conviccións, nin ante ela nin ante as máis de 1.240 persoas que onte acudiron á presentación do seu último traballo, ‘Readmirando a condición’, no Auditorio Mar de Vigo.

Preto de dúas horas e media de diversión, música e mensaxes que removen por dentro. O resultado? Corpos cheos de emoción, orgullo e alegría nun concerto especial para os asistentes, pero tamén para ela: “Esta xira faime moita ilusión”, confesaba ao comezar o espectáculo, e destacaba que o novo disco tiña “ese punto fresco e descarado” que espera “non perder cos anos”, en referencia á revisión que vén de realizar do seu primeiro álbum, ‘Admirando a condición’, publicado en 2011.

Nos 140 minutos de concerto houbo espazo para todo. Rock and roll, blues, habaneras ou folk. Colaboracións da man do frautista Xan Cerqueiro e o percusionista Xavier Ferreiro, de Luar na Lubre. Frases de mulleres que calan no corazón, como “Non hai perigo suficiente para tanto medo como temos”, da poetisa AJO, ou aquela de Emma Goldman, que tanto se escoitou estes días con motivo do Día da Muller: “Se non podo bailar, a túa revolución non me interesa”.

Sés, durante el concierto que ofreció en el Auditorio Mar de Vigo // FABIO ALONSO

O público gozou tamén de cancións que SES non adoita tocar en directo, como ‘Pepa’, dedicada á súa cadela e, segundo a cantora, das súas preferidas no disco porque soa folclórica, “e eu son moi folclórica”, apuntaba. Tampouco faltaron éxitos como “Milonga de aquí”, “Co xenio destrozado”, “Non son fada”, “Rolling Stone”, “Fala de mel” e o tema que puxo fin ao concerto e que preludiou unha espontánea do público: “Dalle Tempestades de sal!”.

SES incluso se atreveu a versionar “San Antón”, de Andrés do Barro, como chiscadela a aquelas composicións en galego que nos anos 70 do pasado século conseguían chegar aos números 1 nacionais, “algo impensable hoxe en día”, subliñaba SES e deixaba no ar: “Imos cara adiante ou cara atrás?”.

A espontaneidade foi unha constante durante todo o concerto, desde a propia SES, representando -con gran fidelidade e doses de humor- o que ocorre nun garito entre heterosexuais antes de cantar ‘Tola tras de ti’, ata o público, que non dubidou en saír das súas butacas para bailar temas como ‘Canto aquí, canto na Habana’.

Corpos movéndose, brazos erguidos, palmas e coros foron a tónica imperante no Mar de Vigo. O desexo manifestado pola cantora ao inicio do espectáculo cumpriuse: “Espero que desfrutedes moitísimo do concerto”. Era inevitable.

Salir de la versión móvil