Taller de cociña saudable para incorporar bos hábitos ás rutinas dos pacientes con inflamación intestinal

Publicidad

A Unidade de Enfermidade Inflamatoria Intestinal da Área Sanitaria de Vigo celebrou unha nova xornada de colaboración cos seus pacientes. Nesta ocasión, o tema para tratar foi a importancia da inxesta de determinados alimentos na evolución tanto da Enfermidade de Crohn como da Colite Ulcerosa, baixo o epígrafe “Dieta e nutrición na EII”. A xornada de colaboración cos pacientes alcanzou xa a súa terceira edición e na mesma abordáronse determinados aspectos relacionados cos hábitos dietéticos dos enfermos e a forma de melloralos na medida do posible.

A reunión complementarase cuns talleres de cociña saudable, desde hoxe e ata o xoves, na que se mostraron trucos para incorporar bos hábitos dietéticos ás rutinas diarias dos pacientes. “A dieta é un dos factores ambientais implicados na aparición da EII e é un dos aspectos que máis preocupa aos pacientes xa que pode influír na evolución da enfermidade”, explicou Vicent Hernández, facultativo da Unidade.

Respecto ao desenvolvemento da enfermidade, observouse que comer unha elevada cantidade de graxa, ácidos graxos poliinsaturados e carnes asóciase cun maior risco de desenvolver unha Enfermidade de Crohn (EC) ou unha Colite Ulcerosa (CU), mentres que unha inxesta de elevada de verduras diminúe o risco de desenvolver unha CU.

A EII é unha enfermidade inflamatoria, que cursa con diarrea e malabsorción, polo que en fases de actividade pode levar a desnutrición. “Doutra banda, moitos pacientes refiren un empeoramento clínico con determinados alimentos, polo que poden desenvolver condutas de evitación, o que a longo prazo pode empeorar o seu estado nutricional”, subliñou Vicent Hernández.

Patróns dietéticos negativos

O doutor Hernández explicou que a enfermidade de Crohn e a Colite Ulcerosa son enfermidades inflamatorias intestinais (EII) crónicas de etioloxía descoñecida. Considérase que aparecen como resultado da interacción de factores xenéticos, inmunolóxicos e ambientais, que dan lugar a un proceso inflamatorio continuo. O aumento xeneralizado da incidencia descrito nos últimos 20-30 anos parece paralelo á expansión dun estilo vida “occidentalizado”, no que moitos dos aspectos relacionados coa “occidentalización” asociáronse ao risco de desenvolvemento de EII. En relación á evolución da enfermidade, aos poucos vaise coñecendo que determinados patróns dietéticos (similares aos implicados na aparición desta)/desta) poden ter un impacto negativo, e algunhas intervencións nutricionais demostraron ser útiles para controlar a enfermidade.

Por este motivo, cada vez máis nas Unidades de EII préstase unha especial atención á dieta dos pacientes, e búscase a colaboración entre diferentes profesionais neste campo para conseguir un mellor control da enfermidade e recuperar o seu impacto no estado nutricional dos doentes.

Salir de la versión móvil