Tanxugueiras: a versión positiva de Midas

Publicidad

Elas xa apuntaban maneiras cando no disco Contrapunto presentaron temas como “Perfidia” e, baixo a dirección de Trece Amarillo, decidían prenderlle lume a un coche e meterse no río para o seu videoclip.

Tanxugueiras presentaba en novembro de 2019 o seu segundo disco na Sala Rebullón de Tameiga (Mos). Máis de 200 persoas presenciaron aquel primeiro directo dunha xira que se vería interrompida por unha pandemia mundial, pero que non conseguiu parar o camiño que estas tres mulleres empoderadas galegas tiñan por diante.

Contrapunto continuou a través da rede e aqueles concertos que se foron permitindo segundo ía avanzando a situación. Neste traballo, pezas como ‘Perfidia’ ou ‘Malquerenza’ mostraban os pequenos sinais de que Tanxugueiras son “mulleres do seu tempo”. Así incorporaban á súa música tradicional, pinceladas de sons urbanos a través de sintetizadores e da man de Isaac Palacín (Berrogüetto).

Esta mestura evolucionou no traballo das pandereteiras até chegar, en febreiro do pasado ano, ‘Midas’; unha peza musical que claramente fusionaba o tradicional con músicas urbanas, utilizando o auto-tune para darlle aínda máis potencia as súas voces. Desta volta, contaban coa colaboración de Iago Pico, de Pouland Studios, para a produción do tema. Unha unión que se mantén no tempo e que xa é marca da casa das “Tanxus”.

A “proposta redonda”, como a consideraban elas no seu momento, completábase cun videoclip que incorporaba a danza do país da man da compañía Fran Sieira e unha estética moi coidada ligada a tradición galega. O seu obxectivo era “levar música tradicional a públicos máis novos” e así o conseguiron con este tema.

Mais o boom chegaría en xullo coa publicación de ‘Figa’. As sonoridades electrónicas, os bailes modernos, o empoderamento da muller e as referencias a elementos simbólicos da cultura popular do país, son algúns dos moitos detalles que levaron a este tema a ser todo un éxito e a ser galardoado co Premio Mestre Mateo ao mellor videoclip.

O éxito que viña acumulando ‘Figa’ aumentou cando os “eurofans” o proclamaron como favorito para Eurovisión 2022, por diante doutros traballos de artistas de masas como Lola Índigo ou Chica Sobresalto.

Aida Tarrío, Sabela Maneiro e Olaia Maneiro, recolleron a luva e presentaron a súa candidatura para ir a Eurovisión co seu tema ‘Terra’, considerado agora todo un himno, e que fixo que unha boa parte do Estado español se sentise identificado nesa diversidade cultural e as votase para ser as nosas representantes no concurso europeo; aínda que o resultado rematou sendo outro.

A partir dese momento todo foi en aumento. As visualizacións dos seus videoclips alcanzaron os millóns de reproducións, os seus oíntes mensuais en Spotify superan actualmente os 400.000 e as entradas dos seus concertos véndense por completo en menos de un día. No caso do concerto de onte, en horas.

In crescendo

O traballo tan exquisitamente coidado que levan facendo as Tanxugueiras e o seu equipo durante estes anos ten como resultado o vivido onte no hall do Mar de Vigo; onde 1.400 persoas presenciaron o segundo do máis de 60 bolos confirmados que teñen as pandereteiras para este ano.

Se xa na xira de Contrapunto a posta en escena era de sobresaínte, con Midas as “Tanxu” supéranse a si mesmas mantendo o carisma e autenticidade que xa viñan intrínseco delas. O setlist con cinco temas novos que só a xente que vaia aos concertos poderán escoitar até que publiquen o seu próximo disco. O xogo de luces calculado en tempos e cores, facendo referencia a elementos característicos do país: terra, auga, lume e ouro, entre outros. O vestiario deseñado en exclusiva para a tempada.

Todo isto para conseguir instantes como deixar en silencio o hall abarrotado durante a interpretación de ‘Miña nena’, emocionar ao público vendo as bágoas de Olaia ao remate de ‘Cambia todo’, os berros de máis de un millar de persoas dicindo “non hai fronteiras” ou os incontables bailes que se marcaron tanto cativos como adultos antes, durante e ao final do espectáculo.

Evolucionaron, si, pero seguen sendo as mesmas tres mulleres empoderadas que rin ao recoñecer entre o público aos seus seguidores máis unidos, que se paran a dedicarlles algunhas verbas entre tema e tema e que non se cortan á hora de expoñer as súas ideas: “querede a quen vos pete, xa sexa home, muller ou non binario”, destacaba Sabela durante a interpretación dun dos temas inéditos. Os valores e o seu xeito de ser seguen aí, a “fama” non as muda e iso, xunto coa súa música, é o que as converte nunha versión positiva de Midas, porque todo o que tocan, é ouro.

GALERÍA DE FOTOS

Salir de la versión móvil