Un Nadal participativo, natural e máis sostible, tamén na súa decoración. Así se prepara para estas festas o Concello de Tomiño, que neste 2022 apostou por decorar as súas rúas con arte floral saída das mans dunha parte do alumnado do IES Antón Alonso Ríos e de floristas tomiñesas, vestindo os diferentes recunchos da vila con elementos decorativos creados con plantas e flores típicas da época e do territorio.
“En Tomiño queremos debuxar un Nadal de visibilización do traballo que están a facer os nosos veciños e veciñas, un Nadal que camiñe nese presente e futuro máis sostible, dándolle un valor especial ao uso de materiais naturais para decorar as nosas rúas e prazas, pero tamén edificios públicos como a propia Casa do Concello ou os mercados”, asegura a alcaldesa, Sandra González.
O alumnado do FPB Agroxardinería e Composicións Florais foi o encargado de deseñar, crear e colocar os adornos que decoran estes días o balcón do Concello e as columnas das prazas de abastos de Tomiño e Goián. Con moita ilusión e guiados polos seus profesores Fernando Reigosa e Francisco Castro, durante dúas semanas Iván, Alejandro, Sofía, Adrián, Aarón, Samuel, Jacobo e Isaac elaboraron nas súas clases prácticas todas as grilandas e coroas naturais.
Se os edificios municipais enchéronse de verde e vermello grazas ao traballo deste alumnado do IES Antón Alonso Ríos, as rúas e prazas fixeron o propio cos arranxos de floristas de Tomiño e Goián. Tere, de Scaparate Decoración; Carmiña, da florería Lilas; Marisa, da florería Marisa Baquero; e Reme, dedicada á venda de plantas, empregaron plantas e flores típicas do territorio para facer centros que acompañan e complementan as casiñas de madeiras instaladas na Praza do Seixo, na Praza da Mina ou na Praza Pintor Antonio Fernández de Goián.
“É un luxo contar cunha veciñanza tan implicada e comprometida, con gañas de facer cousas e colaborar e de axudar a visibilizar un sector que ten un peso moi importante no noso territorio”, salienta a rexedora.