Nos próximos días porase finalmente en marcha unha nova fase das obras de reurbanización do núcleo urbano de Goián, no concello de Tomiño. A execución implicará actuacións no entorno da Praza Pintor Antonio Fernández e nun tramo da Avenida Ordóñez.
A intervención está encadrada dentro do proxecto “Máis Goián”, un proxecto de reconfiguración e recuperación dos espazos públicos que vén impulsando nos últimos anos o Concello de Tomiño, en coordinación con outras administracións públicas. No marco deste proxecto tense actuado na recuperación da carballeira e conectando e ampliando o colexio e a alameda. “O que intentamos é apostar por crear lugares de encontro, recuperando espazos para as persoas fortalecendo e modernizando tamén o núcleo urbano de Goián, da mesma forma que fixemos no Seixo”, declara a alcaldesa, Sandra González.
A finalidade do proxecto é crear un lugar de encontro que sexa o centro neurálxico da vida social de Goián e para iso, a través da reestruturación do espazo público, pretende conectar os equipamentos públicos existentes na vila: a igrexa de San Cristovo, a Aula-Museo Antonio Fernández, o Mercado de Goián, o CEIP Antonio Fernández, a escola infantil, o pavillón, a Escola de Música, o campo de fútbol do Regatiño, o Consultorio Médico ou as vivendas indianas, entre outros. Con isto preténdese facer do núcleo urbano un lugar atraente e seguro para o uso peonil e ciclable, pondo en valor a arquitectura e os elementos patrimoniais existentes e introducindo vexetación que o faga máis humano e agradable.
O ámbito de actuación será de 7.000 metros cadrados, dos cales 2.200 serán zonas verdes e arbóreas, introducindo 115 novas árbores de distintas especies. Tamén está contemplada a demolición de varias naves na contorna da praza para ampliar o espazo público e mellorar as perspectivas da Igrexa de San Cristovo. Aproveitarase a intervención para renovar tamén as instalacións urbanas, mellorando a iluminación, modificando a rede de saneamento, soterrando as canalizacións de telecomunicacións ou dotar as zonas verdes de rego automático, entre outras.
A obra está cofinanciada polo Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) a través do fondo FEDER de crecemento sostible por un importe total de 999.521,40 euros, adxudicada á empresa Xestión Ambiental de Contratas, SL. O obxectivo das subvencións proporcionadas polo IDAE é apoiar actuacións que fomenten o abandono dos vehículos de combustión, contribuíndo deste xeito a reducir as emisións de CO2.
Nas próximas semanas está previsto tamén que saia a licitación o proxecto de creación dunha pista polideportiva e un ‘skate park’ na zona comprendida entre o auditorio e a alameda de Goián. Nas últimas actuacións realizadas habilitáronse preto da contorna do CEIP Pintor Antonio Fernández dous estacionamentos, un de 40 prazas e outro de 30, e preto da carballeira habilitarase proximamente outro con capacidade para 120 vehículos.