Tomiño lidera o proxecto para unha gran senda verde ao carón do Río Miño

Publicidad

Un proxecto estratéxico que transforme a realidade da beira do Miño. Así é a ambiciosa idea que o Concello de Tomiño presenta para lograr unha senda verde que percorra a totalidade da beira fluvial do municipio e que, ademais, permita conectar con sendas do resto dos municipios. “Queremos colocar á comarca cunha das mellores sendas do país”, explica a alcaldesa, Sandra González.

Así, aínda que o plan é municipal, o Concello quere levalo a toda a comarca do Baixo Miño. Algúns como A Guarda teñen xa roteiros pola práctica totalidade da beira do río mentres que outros coma Tui seguen aínda moi retrasados. “Imaxinemos que podemos comezar nas sendas de Salvaterra para continuar por Tui e o seu casco histórico, chegar a Tomiño e finalizar na desembocadura do Miño na Guarda”, propón a rexedora para asegurar que “queremos liderar o proxecto sumando a todas as administracións”.

Polo de agora, Tomiño conta xa cunha senda de catro quilómetros entre a Ponte da Amizade en Goián e O Rosal, alí conecta coas sendas xa construídas. Porén, González vén de propoñer transformar 16 novos quilómetros para cubrir a totalidade da beira miñota no municipio cunha senda “verde e natural”.

Aínda que se trata dun plan “moi ambicioso” a determinación é absoluta. Tras máis de dous anos de traballo, o proxecto atópase agora na fase de estudo de impacto ambiental, que deberá estar rematado antes do verán.

A futura senda contará con 39.242 metros cadrados de superficie e até nove pontes para salvar os diferentes regatos polos que transcorrería. O proxecto seguiría maioritariamente o trazado da beira do Miño, dentro dos límites da Zona de Especial Conservación.

Cun orzamento superior aos 2,7 millóns, dos que 500.000€ serían de expropiacións, a alcaldesa asume que é necesaria a implicación das diferentes administracións, das que polo de agora conseguiu o apoio verbal dos seus responsables.

Así, Tomiño logrou o compromiso de Costas do Estado para estudar a construción das pontes fluviais, orzamentadas en 500.000€, mentres que a Consellería de Medio Ambiente comprometeuse a “analizar con detalle o proxecto construtivo co fin de estudar posibles vías de colaboración”. Neste senso, a alcaldesa, Sandra González, e a conselleira, Ángeles Vázquez, volverán reunirse unha vez remate o estudo de impacto ambiental.

Aínda que “hai que ser prudentes”, Tomiño espera que veciños e visitantes poidan desfrutar desta senda a través do seu municipio nun prazo de catro anos. Os primeiros pasos están xa dados.

Salir de la versión móvil