Traballos sobre 'Game of Thrones' ou 'Barbie' expóñense nun seminario da UVigo na cidade

Publicidad

Contidos tan diversos como a serie Game of Thrones, os videoxogos, a representación dos refuxiados na literatura popular, o post-feminismo ou os vampiros teñen un punto de encontro no campus de Vigo no seminario Cultural Studies Unleashed: Analysing Popular Culture Manifestations in English. Esta actividade, organizada por docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución, naceu como un punto de encontro para que o estudantado de grao, mestrado e doutoramento de diferentes universidades comparta os seus traballos de investigación sobre diversas manifestacións artísticas de carácter popular e en lingua inglesa.

A cita busca explorar unha ampla gama de produtos e xéneros culturais, dende a literatura, o cine e a televisión, ata os medios impresos, a música ou a publicidade para debater sobre cuestións teóricas e metodolóxicas ou ben centrarse en aspectos como o consumo, a regulación e a distribución cultural, os procesos de construción e identificación de identidade na cultura popular, a interculturalidade ou a relación entre a cultura popular e a “alta” cultura.

Un primeiro achegamento ao mundo académico

O seminario é unha continuación do Cultural Studies Reloaded celebrado no 2023 e reuniu este xoves no salón de graos da FFT a investigadoras e investigadores novos que presentan os seus traballos ante a comunidade universitaria. Como explican Adriana Taboada, Celia Veiga e Inmaculada Pérez, profesoras no Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá, impulsoras desta iniciativa, a idea é “facilitarlle ás persoas que están comezando un espazo no que presentar o seu traballo arredor dos estudos culturais e a cultura popular en lingua inglesa”. Deste xeito, trátase de darlles a oportunidade de coñecer como funcionan os eventos académicos, dende o envío de propostas ata as características dos resumos, pasando polo proceso de inscrición, presentación do traballo, etc.

Ademais, resaltan as docentes, é unha oportunidade para que as e os participantes “sintan que o traballo que están levando a cabo (ben para un TFG, unha tese, ou para un artigo) é válido, e que teñen moito que achegar ao campo”. Neste sentido, resaltan que “o feito de recibiren feedback doutros poñentes e de profesorado experto nestes eidos axudaralles tamén a progresar nas súas respectivas investigacións, poñendo en práctica todas as ferramentas de análise que aprenderon durante a carreira/mestrado ou etapa de tese”.

De 'Game of Thrones' a 'Barbie'

A xornada, que arrancou cun acto de presentación no que estiveron presentes as docentes organizadoras e a directora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá, Ana Bringas, estendeuse durante todo o día e incluíu 13 presentacións de investigadores e investigadoras das universidades de Vigo, Coruña, Santiago de Compostela, País Vasco e Estremadura. Os seus traballos abranguen eidos moi diversos, como recalcan dende o comité organizador, entre eles dúas das comunicacións centradas na serie de televisión Game of Thrones, “unha que estuda a evolución de personaxes concretos e outra que aborda o desenlace da serie, tan polémico no seu día”.

Ademais, explican as docentes “tamén temos a oportunidade de saber máis sobre títulos tan coñecidos como Euphoria e as implicacións da narración en primeira persoa, ou a miniserie Self Made: Inspired by the Life of Madam C. J. Walker, escrita e protagonizada por mulleres afroamericanas e que busca dar a coñecer a vida desta célebre activista”. O programa comprende tamén varias charlas dedicadas á análise de videoxogos, á representación dos refuxiados na literatura popular, á relación entre comida e xénero na película O menú ou á adaptación de Der Kleine Vampir (1979) da cultura alemá á anglosaxona en The Little Vampire (2000). Tamén haberá tempo de abordar un dos fenómenos cinematográficos do ano, Barbie, e de falar de feminismo e post-feminismo a través da serie Fleabag, xunto con relatorios sobre o auxe da instapoesía, a adaptación do humor shakesperiano ao século XXI ou a influencia do canibalismo na cultura popular a través de Hannibal Lecter.

Dúas conferencias plenarias

Ademais dos paneis, o seminario contou con dúas conferencias plenarias. A primeira tivo lugar pola mañá e foi impartida por Andrea Ruthven, docente experta nos estudos culturais da Universitat de les Illes Balears e coordinadora do panel Cultural Studies dentro da Asociación Española de Estudos AngloNorteamericanos (Aedean). No seu relatorio afondou na evolución dos estudos culturais como disciplina académica e tamén nas tendencias actuais dentro deste campo. A segunda plenaria corre a cargo de Iria Seijas-Pérez, estudante de doutoramento da UVigo, que abrirá a sesión de tarde cunha análise da literatura xuvenil irlandesa dos últimos anos, estudando o tratamento do lesbianismo e a bruxería en varios títulos recentes.

Salir de la versión móvil