Tui prevé abrir este ano unha extensa senda ás beiras do Río Miño

Publicidad

O Concello de Tui continúa avanzando nos traballos que permitirán, se se cumpren os obxectivos, abrir este mesmo ano un novo tramo da sua senda ás beiras do río Miño entre a praia da Metralla e Caldeals, que ademais permitirá continuar o trazado do paseo fluvial que chega até a vella Ponte Internacional con Valença.

O operarios iniciaron esta semana os labores de retirada dos elementos existentes na finca afectada pola construción dunha pasarela sobre o río Louro. Estes traballos comezaron tras a sinatura das actas de ocupación para poder por a dispor da Confederación Hidrográfica do Miño Sil os terreos libres de cargas.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Urbanismo, Yolanda Rodríguez, achegáronse esta semana á zona para, xunto cos técnicos, titulares da propiedade e coa empresa contratada, revisar o estaquillado que marca a aliñación da zona na que se debe retirar a plantación que ocupa o ámbito de actuación por onde transcorrerá o acceso á pasarela. O prazo previsto de execución destas obras é de 15 días.

Debido á execución destes traballos, por seguridade, está cortado o acceso dende o Camiño Sierpes a altura da praia da Metralla. Por este motivo dende o concello de Tui solicítase a colaboración veciñal respectando os sinais de prohibido o paso.

En outubro do 2007, o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, a través da Dirección Xeral de sustentabilidade da Costa e do Mar, adxudicou a asistencia técnica para a redacción do proxecto “Senda Litoral do Río Miño” que abarcaba a unión a través dunha senda peonil polo litoral, a unión dos Concellos de Tui, Tomiño, O Rosal e A Guarda.

En 2013, solicitouse, por primeira vez á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil a asistencia técnica para a redacción do proxecto da construción dunha pasarela que permitiría unir a zona da Metralla coa praia de Areeiros en Guillarei, salvando o obstáculo do río Louro na súa desembocadura co Miño.

En 2020 asinouse un convenio no que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil se compromete á construción dunha pasarela de madeira, cun deseño que cause o menor impacto visual e de acorde coa contorna no que se empraza. A Confederación farase cargo do 70% do proxecto de execución, mentres que o 30% restante será asumido polo Concello de Tui ascendendo o seu importe a 69.000 euros, xunto co compromiso de asumir posteriormente o mantemento e conservación das obras.

Salir de la versión móvil