Dende este xoves, 7 de novembro, a rúa Ourense deixará de pecharse ao tráfico debido á celebración do Mercado Semanal na cidade. A instalación dos postos obrigaban até agora a pechar o tramo comprendido entre as rúas Compostela e Colón, unha situación que agora deixará de producirse.
Dende o goberno municipal apuntan que "búscase facilitar o tránsito polo centro urbano así coma o acceso ao aparcamento municipal na traseira da Área Panorámica, tras a apertura nos últimos meses da rúa Ourense cara a rúa Colón".
Esta medida conleva o cambio de emprazamento dalgúns postos de venda ambulante e a reordenación doutros. Así os postos situados na rúa Ourense pasarán a colocarse na rúa Mondoñedo ocupando os espazos que había baleiros. Amais os postos que se emprazaban no tramo da rúa Compostela entre o cruzamento con Casal Aboy e Ourense desprazaranse ao tramo da mesma rúa entre os cruzamentos con Ourense e Betanzos. Nesta rúa Compostela pasan a colocarse tres filas de postos. Igualmente hai un cambio nun posto de roupa da rúa Lugo cara á rúa Mondoñedo.