Dar a coñecer o importante patrimonio vinculado á cultura xudía é o obxectivo das actividades que se van celebrar en Tui do 1 ao 3 de setembro dentro das Xornadas Europeas da Cultura Xudía que este ano teñen por lema “Diáspora”.
O programa previsto contempla a celebración de dúas exposicións que do 1 ao 15 de setembro se poderán visitar na Área Panorámica “O exilio da filosofía: Francisco Sánchez, o tudense” e “As familias criptoxudías: entre a diáspora e a asimilación: os Coronel”.
Por outra parte celebraranse tres visitas guiadas cada día ás 20:00 horas. O venres 1 será sobre a “Comunidade xudía medieval”, o sábado 2 baixo o título “O criptoxudaísmo na cidade histórica”, e o domingo 3 titulada “A represión e a disidencia relixiosa: cárceres e Inquisición”.
O cinema estará presente nestas xornadas a través dunha colaboración con Play Doc e a Universidade de Jerusalén con proxeccións tanto o venres 1 coma o sábado 2.
A estas actividades sumarase o seminario “As paisaxes do exilio: a migración e o segredo das familias sefardís” que o venres 1 pola tarde se celebrará na aula da UNED no antigo convento de San Domingos.
Gastronomía galego-xudía
Dende o Concello de Tui apóstase tamén pola recuperación do patrimonio gastronómico ligado á cultura xudía polo que se convidará aos restaurante locais a ofrecer nos seus menús durante a primeira fin de semana de setembro receitas sefardís.
Segundo o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, “estas xornadas poñen en valor a nosa historia e a importancia que o xudaísmo tivo na cidade” formando parte do patrimonio material e inmaterial tudense. A partir do mesmo ábrense, dixo o rexedor na presentación do programa, múltiples posibilidades no campo cultural, turístico e mesmo económico. Tui editará ademais en breve un novo folleto sobre o Criptoxudaísmo na cidade, segundo avanzou o concelleiro de Turismo, Laureano Alonso.
Os Sambenitos, a casa de Salomón e a Menorá da Catedral elementos destacados
Segundo o historiador tudense, Suso Vila, a cidade atesoura un “riquísimo legado”. Como exemplo dese importante patrimonio que aínda existe en Tui están os Sambenitos, atopados hai anos no arquivo da Catedral e que están arestora no Museo Diocesano. Son pezas únicas en Europa. A isto súmase a Casa de Salomón, única en Galicia na súa tipoloxía, situada na rúa Canicouva conta cun patio central arredor do que se distribúe a vivenda. Tamén compre destacar a Menorá do claustro catedralicio que é testemuña da relación que existía entre a comunidade xudía e a cristiá.
Visitas guiadas pola ruta xudía
Xa a diario, de luns a venres, todos os interesados poden realizar un percorrido pola ruta xudía nas visitas guiadas que realiza o historiado tudense, Suso Vila, que parten ás 20:00 horas da praza da Inmaculada, ou por libre a través da ruta sinalizada que comeza tamén na praza da Inmaculada e que o través dos sinais e códigos QR conduce ao visitante polo patrimonio xudeu que conserva a cidade.