"A desbordante beleza da ‘Dona do Esteiro’ asolaga xa o núcleo urbano da Ramallosa ata convertelo nun lugar irrecoñecible". Así califica o Concello de Nigrán "este ‘milagre’ natural de rostro feminino e aderezado con garzas, flores, mar e prantas", obra da artista internacional Lula Goce, a quen o Goberno da localidad do Val Miñor contratou a transformación da gran medianeira de 250 metro cuadrados situada na esquina entre rúa Argonautas e Romana Baixa e o muro da piscina mancomunada ata o Camiño da Cabreira. Tras tres semanas pintando neste espazo anodino pero de gran afluencia de xente o resultado final "impacta á veciñanza pola súa beleza e pola súa capacidade de transfigurar lugares".
A artista nacida en Baiona e con taller en Nigrán concentra na localidade o seu maior número de obras de toda Galicia, sendo esta a súa primeira medianeira do Val Miñor. Así, no 2018 pintou a fachada do CEIP Carlos Casares de Vilariño, no 2020 o Campo Municipal de Condomínguez de Priegue e, no mesmo ano, un gran mural en Panxón. Todas pezas contratadas polo Concello e ás que agora se suma ‘A Dona do Esteiro’, polo que o municipio forma unha parte esencial do seu circuíto de murais internacionais, xa auténticos emblemas en países como EEUU, México, Israel, Portugal, Italia, Bélxica, Francia... “É unha honra traballar en casa e que a veciñanza se amose tan receptiva e cariñosa conmigo, son de Baiona e tamén filla adoptiva de Nigrán”, confesa.
"É un punto neurálxico de Nigrán, ao carón da Piscina Mancomunada, o parking municipal e toda a zona comercial, á que queremos apoiar con esta baza positiva. A transformación que supón da contorna é espectacular e a acollida da xente marabillosa; será un referente máis do noso municipio como xa o son os seus murais no mundo enteiro", considera o alcalde, Juan González, quen avanza que o propio terreo onde se ubica será tamén humanizado polo Concello para facer del un verdadeiro punto de encontro entre a veciñanza.
Unha vez máis, como é característico na súa obra, a exhuberancia da natureza e a beleza feminina mesturarase neste gran conxunto mural para trasladar á cidadanía unha mensaxe en defensa do medioambiente e tamén de orgullo de pertenencia e de identidade compartida. "A Foz é o gran punto de encontro dos tres municipios, un lugar que forma parte esencial do que significa o Val Miñor e que é realmente marabilloso", explica Lula, asidua aos paseos polo esteiro para admirar os atardeceres ou as propias garzas que traslada tamén ao mural. Como punto gótico, tamén habitual na súa obra, o bestiario ou gárgola que a muller sostén na man, “simboliza o lado escuro do ser humano, a parte máis oculta e que tamén conforma a nosa personalidade”.
A gran novidade neste traballo é que, por vez primeira, empregou a intelixencia artificial para xerar o rostro da ‘Dona do Esteiro’ a partir dunha mestura dunha imaxe de Penélope Cruz con outras mulleres elixidas aleatoriamente. Sen embargo, debido as circunstancias emocionais na que traballou neste mural, a muller a quen Lula llo adica si ten nome e apelidos: Lourdes Goce, a súa nai. “Pola súa tenacidade, forza e capacidade para superar todos os obstáculos que a vida lle plantexa”.
GALERÍA DE FOTOS
(Si no puedes ver la galería haz clic aquí)