Un encontro de biometría organizado pola UVigo atrae a 200 investigadores á cidade olívica

Publicidad

200 investigadoras e investigadores do ámbito da bioestadística participan esta semana en Vigo na XIX Conferencia Española de Biometría conxuntamente co VIII Encontro Iberoamericano de Biometría, CEB-EIB2023, dúas xuntanzas organizadas polo Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Vigo e o grupo de investigación SiDOR (Statistical Inference, Decision and Operations Research), tamén da UVigo, por encargo da Sociedade Española de Bioestatística, a sección española da International Biometric Society, e coa “inestimable colaboración” das compañeiras e compañeiros das rexións de Arxentina, Brasil, España, Centroamérica-Caribe, Chile e Ecuador.

O obxectivo xeral da xuntanza é a difusión dos resultados obtidos no desenvolvemento e aplicación de métodos estatísticos e matemáticos en Bioloxía, Medicina, Psicoloxía, Farmacoloxía, Agricultura e outras ciencias afíns. Na xornada deste martes as persoas asistentes tiveron a oportunidade de asistir ao curso previo Introdución aos modelos de curación, impartido por Ricardo Cao e Amalia Jácome, da Universidade da Coruña, e a xornada culminará este serán cunha recepción oficial aos congresistas por parte do Concello de Vigo no Pazo Quiñones de León.

"Un programa de enorme impacto científico"

A partir de mañá o congreso CEB-EIB2023 debullará “un programa intenso e de enorme impacto científico”, destacan desde a organización, ao tempo que explican que se presentarán 150 presentacións orais e pósters. Cóntase coa participación de conferenciantes plenarios de recoñecido prestixio, entre eles María Gabriela Cendoya, da Universidad Nacional de Mar del Plata, na Arxentina; Andreas Mayr, da Universität Bonn, en Alemaña; e Anabel Forte Deltell, da Universitat de València.

A maiores o programa inclúe tamén unha sesión homenaxe a Carmen Cadarso, grande impulsora da Bioestatística en Galicia falecida hai pouco máis dun ano. Será o xoves ás 12:45 horas e participarán Wenceslao González-Manteiga, que se achegará á figura da investigadora como alumna de doutoramento; Thomas Kneib, que fará unha semblanza dunha persoa que dedicou a súa vida á bioestatística, e Jenifer Espasandín, que achegará o seu punto de vista sobre quen foi a súa maestra e mentora.

O comité científico do CEB-EIB 2023 está presidido polo catedrático Javier Roca Pardiñas, e o comité organizador pola profesora María Xosé Rodríguez Álvarez.

Salir de la versión móvil