Un estudo da UVigo analizará o papel das peregrinacións militares a Santiago na proxección internacional de España

{"requests":{"csi":"https://csi.gstatic.com/csi?"},"transport":{"xhrpost":false},"triggers":{"adRequestStart":{"on":"ad-request-start","request":"csi","sampleSpec":{"sampleOn":"a4a-csi-${pageViewId}","threshold":1},"selector":"amp-ad","selectionMethod":"closest","extraUrlParams":{"met.a4a":"afs_lvt.${viewerLastVisibleTime}~afs.${time}"}},"adResponseEnd":{"on":"ad-response-end","request":"csi","sampleSpec":{"sampleOn":"a4a-csi-${pageViewId}","threshold":1},"selector":"amp-ad","selectionMethod":"closest","extraUrlParams":{"met.a4a":"afe.${time}"}},"adRenderStart":{"on":"ad-render-start","request":"csi","sampleSpec":{"sampleOn":"a4a-csi-${pageViewId}","threshold":1},"selector":"amp-ad","selectionMethod":"closest","extraUrlParams":{"met.a4a":"ast.${scheduleTime}~ars_lvt.${viewerLastVisibleTime}~ars.${time}","qqid":"${qqid}"}},"adIframeLoaded":{"on":"ad-iframe-loaded","request":"csi","sampleSpec":{"sampleOn":"a4a-csi-${pageViewId}","threshold":1},"selector":"amp-ad","selectionMethod":"closest","extraUrlParams":{"met.a4a":"ail.${time}"}}},"extraUrlParams":{"s":"ampad","ctx":"2","c":"${correlator}","slotId":"${slotId}","puid":"${requestCount}~${timestamp}"}}

O investigador do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo Luis Velasco desenvolverá nos próximos meses un estudo centrado, recoñece, nun “aspecto pouco coñecido da historia contemporánea”, o papel xogado polas peregrinacións organizadas polas Forzas Armadas a Santiago de Compostela ao longo do século XX. Este traballo do profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte foi un dos tres traballos seleccionados na VIII Convocatoria de Axudas á Investigación sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións da Universidade de Santiago de Compostela (USC). “O proxecto pretende identificar, catalogar e interpretar estas peregrinacións desde unha perspectiva histórica, simbólica e política, estudando o seu papel como ferramenta de cohesión e como instrumento de proxección internacional”, salienta o investigador.

Baixo o título de Marchando a Santiago: as peregrinacións militares a Compostela no século XX. Relixión, identidade nacional e proxección exterior nos exércitos españois, o proxecto permitirá “iluminar unha dimensión pouco explorada da historia das peregrinacións compostelás”, conectando “identidade, relixión, política e cultura militar desde unha óptica internacional”. As peregrinacións a Compostela das Forzas Armadas, lembra Velasco, poden atoparse “desde a existencia de continxentes permanentes de soldados” e supuxeron “unha das actividades extraordinarias máis interesantes que se fixeron ao logo da vixencia do servizo militar obrigatorio” en España. De feito, durante o franquismo “formaron parte dos programas de formación” do servizo militar, á vez que foron empregadas pola ditadura co obxectivo de “establecer lazos” no contexto internacional.

A ditadura franquista e a transición democrática serán nese senso os dous períodos nos que porá principalmente o foco esta investigación, unha das tres seleccionadas nunha convocatoria de axudas impulsada pola Cátedra de Camiño de Santiago e das Peregrinacións, promovida pola USC en colaboración con Turismo de Galicia. Cunha dotación económica de 4000 euros, Velasco destaca como a concesión desta axuda “reforza” a presenza da UVigo “nas liñas de investigación máis innovadoras sobre o Camiño de Santiago”.

Formación moral

“Podemos atopar este tipo de peregrinacións a Santiago de Compostela desde a existencia de continxentes permanentes de soldados”, sinala Velasco, que apunta que “relación entre as Forzas Armadas e o espazo relixioso é algo común” e un “fenómeno bastante global”, ao que no caso español súmase “o papel do apóstolo como patrón de España” e das unidades de Cabalería. A isto éngádese ademais que, con independencia de que o Camiño fose realizado tamén por oficiais, estas peregrinacións inseríanse nos programas formativos do servizo militar obrigatorio, o que, apunta, amosa que desde as Forzas Armadas entendían que “cumprían cos obxectivos de formación moral” do servizo militar. “Isto é algo importante”, recoñece o investigador, xa que amosaría que “en contra do criterio habitual”, o servizo militar obrigatorio en España, “especialmente antes da Constitución de 1978, estaba máis centrado en acadar obxectivos identitarios de carácter católico que nacional”.

"Identidade católica" e relacións internacionais

“Ao longo do franquismo, houbo unha reivindicación das peregrinacións a Santiago de Compostela, especialmente desde finais da década de 1940”, explica Velasco que afondará no papel que xogaron na proxección exterior da ditadura. “No marco da revisión das relacións internacionais de España, a busca de sinerxías arredor da identidade católica resultará importante”, salienta este docente, que lembra que neste período o país atopábase “illado internacionalmente, cos seus exércitos aínda contaminados pola súa relación co Eixe”. E nese contexto, destaca, esa identidade católica será empregada “para establecer lazos” de cara a “progresiva normalización” da ditadura no contexto internacional, “no seo da dinámica do anticomunismo na Europa Occidental”.

Esta situación virá acompañada á súa vez dun “discurso sobre o papel do Camiño de Santiago como creador de conciencia e identidade europea”, ao tempo que a ruta xacobea pasaría a ter tamén “unha dimensión importante dentro das estratexias turísticas do país”, tras a chegada de Manuel Fraga ao Ministerio de Turismo do réxime. Finalmente, a investigación abordará tamén como estas peregrinacións foron transformándose a partir da Transición, tras a que “a mutación foi importante”, recoñece Velasco, posto que se ben “o culto xacobeo seguiu permanecendo nos cuarteis”, fíxoo “moitas veces xa como algo máis cultural que efectivamente dogmático”.

Análise e divulgación

Entre os traballos previstos destaca o estudo do Apostolado Militar Castrense, un servizo de “asistencia espiritual para os membros das Fozas Armadas que foi pouco estudado e que nalgúns momentos do franquismo tivo sobre as súas costas toda a educación ‘moral e política’ dos soldados” que realizaban o servizo militar. Nese senso, o proxecto contempla a análise da documentación deste organismo, así como de fontes documentais orais e a comparación das peregrinacións a Compostela con outras peregrinacións militares a santuarios como Fátima e Lourdes. Por outra banda, xunto coa presentación dos seus resultados en congresos especializados e revistas científicas, o proxecto abrangue tamén a elaboración dun documento divulgativo, en galego e castelán, dirixido a entidades culturais e educativas.

{"requests":{"csi":"https://csi.gstatic.com/csi?"},"transport":{"xhrpost":false},"triggers":{"adRequestStart":{"on":"ad-request-start","request":"csi","sampleSpec":{"sampleOn":"a4a-csi-${pageViewId}","threshold":1},"selector":"amp-ad","selectionMethod":"closest","extraUrlParams":{"met.a4a":"afs_lvt.${viewerLastVisibleTime}~afs.${time}"}},"adResponseEnd":{"on":"ad-response-end","request":"csi","sampleSpec":{"sampleOn":"a4a-csi-${pageViewId}","threshold":1},"selector":"amp-ad","selectionMethod":"closest","extraUrlParams":{"met.a4a":"afe.${time}"}},"adRenderStart":{"on":"ad-render-start","request":"csi","sampleSpec":{"sampleOn":"a4a-csi-${pageViewId}","threshold":1},"selector":"amp-ad","selectionMethod":"closest","extraUrlParams":{"met.a4a":"ast.${scheduleTime}~ars_lvt.${viewerLastVisibleTime}~ars.${time}","qqid":"${qqid}"}},"adIframeLoaded":{"on":"ad-iframe-loaded","request":"csi","sampleSpec":{"sampleOn":"a4a-csi-${pageViewId}","threshold":1},"selector":"amp-ad","selectionMethod":"closest","extraUrlParams":{"met.a4a":"ail.${time}"}}},"extraUrlParams":{"s":"ampad","ctx":"2","c":"${correlator}","slotId":"${slotId}","puid":"${requestCount}~${timestamp}"}}
Salir de la versión móvil