Un estudo internacional no que participa a UVigo avalía o uso de cloro para mitigar o cambio climático

Publicidad

Un equipo internacional formado por especialistas de 13 centros de investigación de sete países publica na revista Nature Communications un estudo que supón “o primeiro cálculo de que sería necesario e que consecuencias tería tentar mitigar o cambio climático eliminando metano da atmosfera empregando cloro”, tal e como destaca Juan Antonio Añel, físico da Universidade de Vigo que participa no traballo.

O artigo, titulado "Global environmental implications of atmospheric methane removal through chlorine-mediated chemistry-climate interactions", foi publicado este mes de xullo e está asinado por investigadores de España, China, Estados Unidos, Arxentina, Países Baixos, Austria e Dinamarca e de institucións como, ademais da UVigo, o CSIC, o Centro Nacional de Investigacións Atmosféricas de USA (NCAR), o Conicet de Arxentina e as universidades de Cornell, Politécnica de Hong Kong, Utrech e Copenhague. O estudo xorde no marco dos traballos sobre o papel do cloro na atmosfera desenvolvidos no Instituto de Química-Física do CSIC e do proxecto Odeon sobre impactos das técnicas de intervención do clima dirixido polos profesores Juan Antonio Añel e Laura de la Torre, membros do grupo EPhysLab da Universidade de Vigo e financiado pola Agencia Estatal de Investigación. Respecto á súa metodoloxía, o estudo baseouse en cálculos teóricos e simulacións do clima empregando o modelo do sistema terrestre Community Earth System Model (CESM versión 1.1).

Diferentes escenarios

Segundo recolle o artigo, o metano atmosférico (CH4) é un potente gas de efecto invernadoiro e fotoquimicamente activo, con fontes antropoxénicas e naturais aproximadamente iguais. “Tense proposto a adición de cloro á atmosfera para mitigar o quecemento global a través da redución do metano ao aumentar a súa perda química. Porén, os impactos ambientais potenciais de dita mitigación climática seguen sen explorarse”, indican os seus autores. Tendo en conta este escenario, no seu traballo levaron a cabo estudos de sensibilidade para avaliar os posibles efectos do aumento das emisións de cloro reactivo no balance de metano, a composición atmosférica e a temperatura da Terra.

Froito da análise realizada, o artigo sinala que, debido ás reaccións e balances químicos, para lograr unha redución na carga de metano na atmosfera (en lugar dun aumento), a carga de átomos de cloro debe ser como mínimo tres veces a carga existente na actualidade. “Se o obxectivo de eliminación de metano establécese nun 20%, 45% ou 70% menos de metano global para 2050 en comparación cos niveis esperados nun dos escenarios máis desfavorables de cambio climático (Representative Concentration Pathway 8.5, RCP8.5), os resultados do noso modelo suxiren que se necesitan fluxos de cloro adicionais de 630, 1250 e 1880 Tg Cl/ano, respectivamente”, sinalan os autores.

Entre os resultados, Juan Antonio Añel destaca que amosan que sería necesario triplicar a concentración actual de cloro atmosférico (pór 90 Tg Cl/ano na atmosfera) para comezar a reverter o impacto do metano atmosférico. “En realidade, por baixo deste limiar o CH4 aumenta debido ás reaccións químicas implicadas”, apunta o investigador do grupo EPhysLab do campus de Ourense. Para reducir o tempo que permanece o metano na atmosfera á metade, engade, sería preciso pór na atmosfera 1250 Tg Cl/ano. “Isto faría que en 2050 a temperatura do planeta fose 0,4 ⁰C máis baixa en comparación cos escenarios de cambio climático máis perigosos”, afirma.

Segundo explica o físico da UVigo, a técnica analizada tamén permitiría reducir o efecto de quecemento global que exercen outros dous gases: ozono e vapor de auga, nun valor equivalente ao da redución do metano. “En función de como de grave sexa o escenario de cambio climático no que nos movemos, a técnica podería facer que retrasásemos cinco anos o feito de superar o límite de quecemento global de 1,5 ⁰C, ou incluso que non se supere”.

Cambios significativos noutros factores 

Os resultados, recolle o estudo, “amosan que o aumento das emisións de cloro tamén induce cambios significativos noutros factores climáticos importantes”. Destacadamente, apuntan que “a diminución do ozono troposférico é o suficientemente grande como para que a magnitude da diminución do forzamento radiativo sexa similar á do metano”. Agregar 630, 1250 e 1880 Tg Cl/ano ao escenario RCP8.5, elixido para ter as tendencias actuais máis consistentes de metano, indican que “diminuirá a temperatura da superficie en 0,2, 0,4 e 0,6 °C para 2050, respectivamente”.

Porén, o equipo subliña que “a cantidade e o método en que se agrega o cloro, as súas interaccións coas vías climáticas e os posibles impactos ambientais na calidade do aire e a acidez do océano deben considerarse coidadosamente antes de tomar calquera medida”. Neste senso, Juan Antonio Añel sinala hai “efectos perniciosos que non fan recomendable” o uso desta técnica de emprego de cloro, “como por exemplo que poderiamos perder un terzo da capa de ozono na Antártida, que é onde se atopa o maior burato. Ademais produciríase unha acidificación dos océanos, o cal afectaría á vida mariña”.

Salir de la versión móvil