Un inesperado tornado causa desfeitas en Moaña

Publicidad

Inesperado e rápido. Os veciños da franxa costeira de Moaña víronse onte sorprendidos por un fenómeno pouco habitual na nosa latitude. Segundo a Policía Local e os veciños da zona, un tornado causou importantes danos na tarde deste pasado xoves.

O fenómeno meteorolóxico produciuse, segundo as testemuñas, entre as 17:15 e 17:30 horas cando tocou terra penetrando dende o mar pola Praia da Xunqueira. Alí tirou unha árbore de gran porte e volveu novamente a enseada de Meira para tocar terra na illa de Samertolameu. Foi aí onde se produciron os maiores danos, segundo explica a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, que se desprazou á zona tras ter coñecemento do acontecido. “Aínda que non hai que lamentar danos persoais, si que tirou varias árbores que caeron na estrada, ademais de afectar a edificacións e árbores”, aclara a rexedora local.


PREVISIÓN METEOROLÓXICA
Volve o subidón de temperaturas coa fin de semana: 26ºC e cero nubes

En concreto, o forte vento fixo voar parte do tellado da lonxa e do club de remo, afectando ademais á terraza dunha cafetería situada no porto de Meira. O tornado causou tamén danos en vehículos particulares e quebrou unha antena de telefonía. “A pesar dos destrozos, a rápida intervención da brigada municipal fixo que a estrada quedara rapidamente liberada de árbores e elementos que moveu o vento”, explica Santos.

Os ventos estiveron acompañados dunha forte e súbita treboada acompañada de lóstregos. As testemuñas recoñecen que nun momento o temporal fixo que todo comezara a tremer nun episodio rápido pero intenso. No conxunto de Galicia onte rexistráronse máis de 300 raios e as chuvias deixaron rexistros de até 18 litros por metro cadrado en Vigo.

O fenómeno, hiperlocal, non foi rexistrado polos servizos de meteoroloxía, que non contan con ningunha estación na zona. A máis próxima, situada no porto de Cangas, rexistrou a esa hora refachos de 50 km/h.

Galería de fotos

Salir de la versión móvil