Estudar se o microbioma, o conxunto de bacterias e virus presentes neste caso no intestino, “poden axudar a predicir a posibilidade de que unha persoa vaia desenvolver lesións como pólipos ou cancro colorrectal no futuro”. Este é, como sinala o catedrático da Universidade de Vigo David Posada, o obxectivo central do proxecto de investigación que, baixo a súa coordinación, o grupo de investigación en Filoxenómica do Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) desenvolverá co financiamento da Asociación Española Contra el Cáncer (AECC). Beneficiario dunha axuda de preto de 274.000 euros, trátase da única investigación seleccionada neste 2021 na provincia de Pontevedra na convocatoria de proxectos xerais impulsada por esta asociación, que este luns celebrou na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra o acto de entrega e presentación destas axudas.
“Temos máis bacterias que células humanas no noso corpo e cada vez sabemos máis sobre o papel fundamental que teñen en todo tipo de enfermidades”, salientou Posada na presentación do proxecto que, baixo a súa coordinación, levará a cabo ao longo dos próximos tres anos a investigadora posdoutoral Loretta de Chiara, coa colaboración do gastroenterólogo Joaquín Cubiella. Nun acto conducido polo vicerreitor do campus, Jorge Soto, e que contou coas intervencións da presidenta e o vicepresidente da AECC en Pontevedra, Carmen Abeledo e Carlos Sahuquillo; e da deputada provincial de Cohesión Social, Olga María García, Posada deu a coñecer os obxectivos deste “proxecto de prevención”, dirixido a contribuír á detección precoz da enfermidade. Como apuntou, a investigación Análise do microbioma para o desenvolvemento de biomarcadores non invasivos para o cribado do cancro colorrectal ten como punto de partida o coñecemento existente respecto da asociación entre “a presenza de certo tipo de bacterias” no colon coa posterior aparición do cancro.
Seguimento de 150 pacientes
Levar a investigación ao paciente
Como lembrou Posada neste acto, para a detección precoz deste tipo de cancro realízase un “test de sangue oculta en feces”, que en Galicia se realiza a partires dos 50 anos, Mais, sinalou, esta proba ten unha “sensibilidade limitada”, de tal xeito que, no caso de confirmarse esa relación entre a presenza “de determinado tipo de bacterias e virus” e o xurdimento de pólipos, esta investigación contribuiría a “mellorar ese test”. De feito, explicou trátase dun proxecto “cunha parte de investigación básica e outra aplicada”, que contempla o desenvolvemento “dun test rápido que ademais non sería invasivo”. Nese senso, Posada recalcou que “a investigación nunca sabemos a onde nos leva, é unha pregunta. Pero se é verdade que esas bacterias e virus poden axudarnos a detectar antes a presenza dun cancro, intentaríamos convertelo nun test que se poida aplicar nos hospitais”.
Nese senso, o investigador do Cinbio puxo de relevo que é un proxecto que trata de “chegar ao paciente”, un dos aspectos que tamén salientaron os responsables da AECC no acto de entrega dunha axuda que Posada recibe “con agradecemento e, sobre todo, con responsabilidade, porque detrás están todas as persoas que realizan doazóns desinteresadas”.
20 millóns de euros destinados á investigación en 2021
A Vicerreitoría do campus de Pontevedra foi o escenario do acto de entrega dunha axudas ás que a AECC destinou no presente ano cerca de 20 millóns de euros. Trátase dun total de 186 axudas, catro delas na provincia de Pontevedra; a do proxecto coordinado por Posada e outras tres, de 1200 euros, para a realización de prácticas en laboratorio, das que foron beneficiarias Lara Álvarez e Silvia Aballe, da Universidade de Vigo, e Manuel Pino, da Fundación Biomédica Galicia Sur. “A investigación é clave para sobrevivir ao cancro”, salientou a presidenta provincial da asociación, que lembrou que a AECC xa destinou preto de 80 millóns a máis de 400 proxectos. De feito, un dos proxectos seleccionados na anterior convocatoria foi o impulsado polo tamén investigador do grupo de Filoxenómica Joao Miguel Fernandes Alves, centrado no estudo das características das células tumorais circulantes como ferramentas para a medicina de precisión no cancro colorrectal.
De aí que Jorge Soto puxese o acento neste acto no “esforzo que fai a AECC á hora de investir recursos” nun ámbito, o da investigación, no que “trabállase por e para a poboación”. Así mesmo, o acto completouse cunha mesa redonda na que participaron, xunto a Soto e Posada, a directora xeral da Fundación Científica da AECC, Isabel Orbe, e a investigadora do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur Mónica Martínez, e co testemuño de Loli Devesa, unha voluntaria da asociación cuxa filla foi vítima desta enfermidade.