Un proxecto liderado pola UVigo impulsa un sistema de valoración económica dos beneficios de investir na saúde do solo

Liderado pola Universidade de Vigo e cun orzamento de case seis millóns de euros, o proxecto InBestSoil reúne 20 socios de dez países co obxectivo de desenvolver un sistema de valoración económica dos servizos ecosistémicos proporcionados por un solo saudable e dos impactos das intervencións no solo. O seu reto é “converter os solos sans nun activo no que investir, non nunha carga que xestionar”, ofrecendo aos axentes implicados, desde agricultores ata gobernos, datos para restauralos axeitadamente e argumentos económicos para facelo, pois, indican desde a iniciativa, “investir na saúde do solo é rendible para todos”.

InBestSoil é un proxecto Horizonte 2020 financiado polo programa de Investigación e Innovación da Unión Europea en colaboración cos gobernos británico e suízo, financiado con 4,6 pola Comisión Europea. Arrancou en 2023 e remata a finais de 2026, reunindo desde universidades e pequenas e medianas empresas ata consultoras, agricultores e oenegués. Está liderado desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense por Andrés Rodríguez Seijo, do grupo de investigación Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos (BV1) e do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da Universidade de Vigo.

Argumentos e datos económicos e non só ambientais

Sobre a relevancia da temática abordada, desde o proxecto explican que “a única forma de abordar o cambio global e a sostibilidade ambiental é a través dun solo saudable, xa que este compoñente crítico actúa como un poderoso sumidoiro de carbono, reducindo as emisións de gases de efecto invernadoiro e estabilizando as temperaturas globais á vez que proporciona nutrientes esenciais para o crecemento dos cultivos e reduce a necesidade de fertilizantes sintéticos”. Porén, engaden, o solo europeo está “a perderse e degradarse irreversiblemente, principalmente debido a factores naturais como o cambio climático e actividades humanas como a agricultura, e a súa recuperación pode tardar décadas”, apuntando que esta degradación afecta a máis da metade dos solos de Europa e ten un custo estimado de 50.000 millóns anuais, 112 euros anuais por cada europeo e europea. A pesar destas cifras desde InBestSoil advirten que “a saúde do solo segue considerándose un concepto abstracto difícil de integrar nas actividades financeiras e sobre o cal resulta complexo lexislar”.

Neste marco de traballo, o proxecto liderado desde a UVigo xurdiu para “proporcionar un marco para investir na saúde do solo” e coa convicción de que facer dela "un concepto operativo é crucial para crear un futuro sostible”. InBestSoil proporcionará datos, probas, ferramentas e modelos para avaliar como o investimento na saúde do solo pode contribuír á transición cara o seu uso sostible e resiliente a longo prazo. “Isto permitirá ás organizacións públicas e privadas asignar un valor económico ás súas accións”, apuntan. Neste senso, desde a iniciativa destacan a súa perspectiva innovadora, en canto en lugar de apelar unicamente á conciencia ambiental, abórdase a viabilidade económica, “demostrando, con datos concretos, que investir na saúde do solo resulta rendible tanto para agricultores como para empresas e investidores”. Este reto, apunta Andrés Seijo, “podemos acadalo probando que estratexias son as mellores para restaurar os nosos solos, ao tempo que as convertemos nunha opción rendible para os investidores”.

Obxectivos e casos de estudo

Son varios os obxectivos propostos en InBestSoil, comezando por identificar e reforzar as comunidades de interesados e as asociacións para os estudos de casos; e definir indicadores de saúde do solo e o valor económico dos servizos ecosistémicos. Tamén se inclúen a análise do impacto dos modelos comerciais existentes na saúde do solo e as posibilidades de mellora (xerando evidencia clave sobre os beneficios das estratexias de mellora que inflúen positivamente nela) e co-deseñar coas partes interesadas novos modelos de negocio baseados na avaliación desta saúde, novas formas de transición cara sistemas máis respectuosos. Analizar o panorama político neste eido e propor directrices políticas; e comunicar e difundir o valor económico e o coñecemento da saúde do solo son outros dos obxectivos contemplados. Contribuíndo a esta difusión, os retos e avances do proxecto veñen de ser recollidos na revista Horizon EU Research and Innovation Magazine, financiada pola Comisión Europea, nun artigo titulado Why restoring soil health is a win-win for farmers and the environment.

O proxecto conta con nove áreas de estudo a través de catro rexións bioxeográficas de Europa (boreal, continental, atlántica e mediterránea), e diferentes usos do solo (agricultura, bosque, urbano e minaría). Por exemplo, en Cerdeña están a probar diferentes métodos de cultivo de trigo, acadando resultados bastante prometedores”. Así, detallan desde InBestSoil, nos estudos feitos ata agora neste caso detectaron que o arado convencional causou o maior dano, mentres que a labranza reducida e a sementa directa (en herba) contribuíron a aumentar o carbono orgánico do solo, a diversidade microbiana e os niveis de nutrientes. Con estes datos, reducir a labranza, engaden, amósase como unha opción para aforrar aos agricultores tempo e diñeiro en man de obra e combustible, sen sacrificar o rendemento nin a calidade do solo, algo “sumamente importante, non só en termos de produción, senón tamén para a regulación climática, a biodiversidade e a calidade xeral do solo”. Unha vez finalizado cada caso de estudo, o equipo de InBestSoil utilizará os resultados para desenvolver marcos prácticos que axuden a agricultores, xestores de terras e investidores privados a avaliar a rendibilidade da restauración de cada tipo e uso de solo.

Salir de la versión móvil