Un WhatsApp para mellorar a vida dos xordos en Nigrán

Publicidad

O Concello de Nigrán está a desenvolver novas iniciativas para facilitar a vida no municipio das persoas xordas e que se encadran no proxecto do goberno local 'Un Nigrán para todos' para eliminar as barreiras físicas e sensoriais. Así, desde o Concello se divulgará a lingua de signos mediante a instalación nos principais parque infantís de paneis que debuxan o alfabeto, estos xa se poden atopar no parque de Panxón, Parque da Feira e da Alameda (A Ramallosa) e se colocarán proximamente no novo Parque Vázquez Grela de Nigrán, Torreiro de Priegue e Ana Isabel Costas (San Pedro). O obxectivo é que os máis pequenos aprendan xogando unhas nocións básicas de lingua de signos que lles permitirían unha mellor comunicación coas persoas xordas e viceversa.

​Paralelamente, e a petición expresa mediante escrito por Rexistro de Cristina Fernández, veciña de Panxón con xordeira profunda, o Concello facilitará ás persoas con esta discapacidade un teléfono de whatsapp da Policía Local co fin de que poidan contactar en caso de necesidade e, ademais, contratará un sistema de videointerpretación de linguaxe de signos para que cando acudan ao Concello a realizar trámites se poidan comunicar cos funcionarios sen trabas.

​"Son unha persoa xorda profunda e o meu marido tamén o é. Se algún día nos pasa algo non saberíamos como contactar coa Policía, a posibilidade de ter un número con whatsapp nos tranquiliza moito. Tamén o sistema de videointerpretación no Concello nos facilitaría moito os trámites", explica.

​"Cristina comunicounos un problema real ao que se enfronta no seu día a día e ao que o Concello lle pode dar unha solución moi sinxela a través das novas tecnoloxías. Grazas a súa suxestión o Concello de Nigrán seguirá a ser un referente en temas de inclusión", resume o alcalde, Juan González. Neste sentido, e no eido da discapacidade auditiva, o Concello de Nigrán foi pioneiro en Galicia en adquirir no 2016 un bucle de indución magnética para o uso no Consistorio que inhibe ruídos de fondo ás persoas con problemas de oído, facilitando así a comunicación co interlocutor directo, de feito, o Concello adquiriu outro para o CEIP da Cruz (Camos) para o uso dunha alumna.

Salir de la versión móvil