Un novo estudo dun equipo internacional, liderado polo investigador do grupo Mapas Lab, que forma parte do CIM-UVigo, Alfio Alessandro Chiarenza, achega novas evidencias sobre a historia dos dinosauros.
O que hoxe coñecemos como mar Mediterráneo era, durante a era dos dinosauros, un complexo arquipélago tropical composto por centos de illas. A comunidade científica consideraba que a maioría desas illas eran tan pequenas que sería complicado que puidesen albergar poboacións de grandes saurios. Sin embargo, atopáronse en Italia novos esqueletos de grandes dimensións.
O grupo de investigadores, no artigo "An Italian dinosaur Lagerstätte reveals the tempo and mode of hadrosauriform body size evolution" publicado na revista Scientific Reports, achega novos datos sobre o primeiro xacemento en Italia que alberga múltiples esqueletos de dinosauros. Atópase no norte do país, en concreto en Villaggio del Pescatore. Todos os esqueletos de dinosauro atopados están preservados de forma excepcional e pertencen a Tethyshadros insularis, unha especie de hadrosaurio ou dinosauro de pico de pato. “Son os restos de dinosauro máis grandes e completos escavados en Italia”, explica Chiarenza.
Estes descubrimentos permitiron ao equipo reescribir algunhas hipóteses sobre como eran os ecosistemas terrestres naquelas illas do arquipélago mediterráneo. Os científicos explican que ata agora críase que as poboacións de grandes animais que habitan illas durante un longo período de tempo tenden a diminuír o seu tamaño. De feito, anos atrás no mesmo xacemento atopouse un espécime moi pequeno de Tethyshadros, bautizado como Antonio, que levou aos investigadores a interpretalo como un caso de ananismo insular.
Os novos espécimes atopados, por exemplo un bautizado como Bruno, de tamaño moito máis grande, “confirman que Antonio era en realidade un individuo inmaduro e que estes hadrosaurios non sufriron un proceso de miniaturización como se pensaba antes”, explica Matteo Fabbri, coautor do artigo.