Unha gran regata na ría de Pontevedra entre a Escola Naval Militar e alumnado do campus da UVigo

O xoves 24 de abril, o alumnado da Universidade de Vigo e da Escuela Naval Militar (ENM) medirá as súas forzas nas augas da ría de Pontevedra, na terceira edición da Regata Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, que nesta ocasión levarase a cabo en Marín e poderá ser contemplada desde a dársena da ENM. Este III Trofeo Ría de Pontevedra desenvolverase en embarcacións de remo de nove metros de eslora, integradas por tripulacións mixtas de 14 remeiros e remeiras, un patrón e un proeiro, que se enfrontarán nunha regata cunha única manga, composta por dous tramos de 500 iardas cada un e unha ceavoga.

Promovido pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra e a Escuela Naval Militar, este III Trofeo Ría de Pontevedra insírese nas actividades da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio e conta co patrocinio do Consello Social da Universidade de Vigo, así como coa colaboración da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra e do Gremio de Mareantes. O inicio da competición está previsto para as 16.30 horas e nela tomarán parte dúas tripulacións integradas por estudantes de diferentes facultades e escolas do campus e alumnas e alumnos da ENM, que alberga o Centro Universitario da Defensa (CUD), adscrito á UVigo.

Nesta edición, alumnas e alumnos competirán nunha embarcación comunmente coñecida na Armada como ‘nove metros’ e empregada historicamente na formación mariñeira dos futuros e futuras oficiais. De feito, este barco de madeira e fibra, con sete remeiros en cada banda, emprégase no primeiro curso de Instrución Mariñeira da ENM.

Un trofeo custodiado ata agora pola UVigo

As dúas tripulacións optarán nesta regata a alzar un trofeo ao que se incorpora cada ano unha placa co nome da institución gañadora, encargada de custodiala ata a seguinte edición. Así o fixo a UVigo nestes dous últimos anos, despois de que o seu alumnado se alzase coa vitoria tanto na primeira edición, disputada con barcos dragón, unha modalidade de piragüismo orixinaria da China, como na competición de bateis levada en 2024. Esta regata insírese na programación da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, impulsada en 1994 pola Armada e a Universidade de Vigo como órgano de relación institucional para temas culturais, científicos, técnicos, humanísticos e de interese común entre estas dúas institucións, ao abeiro da que se desenvolven ao longo do curso diferentes conferencias e mesas de debate, xunto con outra serie de actividades, como esta regata ou o Concerto de Nadal da Unidade de Música da ENM.

Salir de la versión móvil