Unha nova vida para a vella estación de autobuses de Vigo

Publicidad

Vigo camiña cara unha renovación das súas infraestruturas de transporte. Nos últimos días, fíxose pública a adxudicación das obras da construción da nova terminal de buses na estación intermodal de Urzáiz. O BNG de Vigo propón que dende a Corporación local débese comezar a planificar o uso que se lle dará á vella estación da Avenida de Madrid. Neste senso, o concelleiro electo, Xabier Pérez Igrexas, reclamou que o Concello tome a iniciativa consensuando co tecido asociativo da contorna unha proposta de uso.

Igrexas considera que será de grande utilidade empregar a superficie agora dedicada a cocheira e dársenas da vella estación como aparcamento disuasorio nun dos principais accesos por estrada á cidade. Para iso, o nacionalista demanda que se despregue unha conexión directa por bus urbano entre esa estación e a Praza de España, a xeito de lanzadeira. Esta medida, tal e como apunta Igrexas, permitiría reducir o número de vehículos que circulan no casco urbano, nunha cidade que cada día recibe máis de 90 mil coches.

A superficie do primeiro andar, actualmente dedicada a servizos da estación e billeteira, a fronte nacionalista cre que debe ter un uso social e comunitario. Pérez Igrexas demandou que o Concello elabore unha proposta recollendo o parecer do movemento veciñal da contorna, especialmente do Calvario, da Dobrada e de San Roque, pola súa proximidade. “Nós advertimos xa de entrada que o que non necesita esta zona é máis superficie comercial, máis tendas, senón que se deba aproveitar ese espazo para atallar o déficit de dotación de tipo veciñal e sociocultural nunha contorna que non ten ningún centro cívico”, afirmou o edil electo.

O BNG descarta, polo tanto, a opción de manter unha dupla estación de buses, lembrando os problema que xa está a xerar a “anomalía” de dispor na cidade a existencia de dúas estacións de tren que fican sen unha lanzadeira que as conecte.

Salir de la versión móvil