Unha publicación permite coñecer os resultados da intervención arqueolóxica no Penedo Gordo

Publicidad

O Penedo Gordo, tamén chamado Penedo da Moura, é un afloramento rochoso exento no lugar de Feilas, na parroquia de Fumaces e A Trepa, no concello ourensán de Vilardevós. É ademais un dos catro sitios con pintura rupestre esquemática localizados en Galicia ata agora. Co obxectivo de “cubrir un importante baleiro na investigación” deste enclave, vén de publicarse o libro O Penedo Gordo. Intervención arqueolóxica nun abrigo con pintura rupestre esquemática da Galicia suroriental.

Editada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, a obra está coordinada por Beatriz Comendador, profesora da Área de Prehistoria da UVigo e investigadora do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT), e conta coa participación dun amplo equipo de colaboradores de diferentes disciplinas e entidades. “O libro pode ser de interese para un público xeral, se ben é especialmente de interese no ámbito da arqueoloxía e a arte rupestre. O seu interese non radica só nos contidos, senón na metodoloxía, ao implantar protocolos de traballo nunha investigación de carácter multidisciplinar”, comenta a coordinadora do traballo.

“Un fito na historiografía da arte rupestre en Galicia”

Tal e como recolle o libro, no Penedo Gordo foi localizada pintura en 2017 por B. Rúa, veciño de Verín, e J. L. Lozano, veciño de Castrelo do Val. Visitado o lugar por Beatriz Comendador, foi notificado o achado á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, cun informe cunha descrición sucinta do enclave e unha primeira valoración do mesmo. Esta dirección xeral solicitou á Universidade de Vigo a elaboración dunha proposta de actuación, que contemplase unha intervención dirixida esencialmente ao rexistro dos paneis e a realización de sondaxes valorativas para calibrar a potencialidade arqueolóxica do lugar.

Segundo recolle a publicación, as sondaxes realizadas en 2018 nesta estación ao ar libre asociada á arte prehistórica, permitiron documentar un depósito estratificado correspondente ao Neolítico Final/Calcolítico, e polo menos, nos seus niveis inferiores escavados, ao Neolítico Medio. “Verificouse a presenza de pintura rupestre de tradición esquemática, integrable de xeito hipotético nun período entre o Neolítico Medio e Final, non sendo descartable unha cronoloxía anterior, así como a existencia de diversos niveis de ocupación, histórica e prehistórica, ao abeiro do penedo, en relación inmediata e claramente vinculada coas superficies pintadas, sendo identificados vestixios de material colorante en contexto estratigráfico”, sinálase no libro. A campaña recibiu o apoio da Dirección Xeral de Patrimonio e do Concello de Vilardevós, así como o soporte técnico da Universidade de Vigo, agradecendo o equipo de xeito “moi especial a colaboración da veciñanza de Feilas/A Trepa, que facilitaron o noso traballo e lle deron sentido”.

A monografía agora lanzada recolle polo miúdo o conxunto de traballos realizados na primeira intervención arqueolóxica realizada neste abrigo, que conxuntamente coa Cova do Gato no Castelo de Lobarzán, tamén na comarca de Monterrei, figuran entre as únicas catro estacións con pintura rupestre esquemática localizadas ata agora en Galicia. “A identificación de dous sitios con pintura esquemática holocena sobre distintos soportes (cuarcita e granito) no val de Monterrei, supón un fito na historiografía da arte rupestre en Galicia, que pon de manifesto a importancia das áreas interiores de Galicia/Tras-os-Montes a nivel das manifestacións de arte prehistórica”, comenta Beatriz Comendador. Ademais, engade, “os resultados alcanzados demostran as posibilidades desta liña de investigación para o estudo dos procesos sociais e económicos vinculados ás sociedades prehistóricas". Segundo explica a arqueóloga, as investigacións realizadas no ámbito da conca fluvial do río Támega “están a comezar a encher un baleiro de información, ademais de permitir aproximarse ao fenómeno das primeiras sociedades produtoras”.

En todo caso, o máis importante a destacar da publicación, subliña Beatriz Comendador, é “que se trata dun libro coral, como o propio proxecto, cun traballo multidisciplinar”. Así conta con contribucións de Lara Amaral Bacelar (Universidade de Coimbra); Natalia Caparrini, José Santiago Pozo, Pablo Barreiro, Mª Eugenia López e Graciela Paz (UVigo); Vera Moreira (conservadora/restauradora); Antonio Martinez, Rebeca Tallón, Celia Arias, Alina Georgiana e Olalla López (Universidade de Santiago de Compostela); María Martín (Universidad de Cantabria); Juan Gibaja (CSIC); Miriam Cubas (Universidad de Alcalá de Henares); M. Natividad Fuertes e Diego Herrero (Universidad de León); Bruno Rúa; JM Candales (Museo Militar da Coruña); Árbore Arqueoloxía e Xestión; David Hernández (Arbotante) e Víctor Vázquez (JALSISTEMAS).

Salir de la versión móvil