O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o delegado da Zona Franca, David Regades, selaron este martes o novo convenio que marcará durante os próximos catro anos as bases de colaboración entre ambas institucións para a Cátedra Ardán. Coa presenza do alcalde de Vigo e presidente do Consorcio, Abel Caballero, ambas institucións puxeron en valor o compromiso de colaboración para seguir contribuíndo ao desenvolvemento económico e social de Galicia a través do deseño, elaboración e difusión de estudos e ferramentas baseadas na investigación, a transferencia de coñecemento e a vixilancia da contorna empresarial e socioeconómica.
O novo marco colaborativo para o período 2025-2028 implica tamén un incremento da partida orzamentaria que pasa a ser de preto dun millón de euros (960.000€) para ampliar as horas de investigación conxunta. Esta decisión tómase debido á crecente demanda de análises específicas de axentes sociais que buscan o selo de rigor, independencia e prestixio dos estudos de Ardán. Ademais, permitirá dar unha maior resposta á aposta estratéxica da Zona Franca de novas actuacións para o impulso da competitividade e o desenvolvemento económico e social.
Facendo país
Para o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, a Cátedra Ardán “é posiblemente unha das colaboracións con Zona Franca que fai máis país, porque son as empresas as que obteñen o beneficio da mellora nos seus incentivos e en todos os seus ámbitos de actividade”. O reitor fixo fincapé en que a cátedra está “recoñecida en Galicia e en España como unha actividade de primeira orde que mellora a situación da sociedade” e subliñou que “o desenvolvemento da mesma dende que nós temos o pracer de asinar este convenio foi medrando”, incorporando aspectos como emprego e igualdade e, neste momento, “xa ten unha potencia bastante importante; estamos enormemente satisfeitos”.
Pola súa banda, o delegado David Regades agradeceu “a implicación do reitor na cátedra, como en tantos outros temas nos que colaboramos. Podemos presumir de que todos os proxectos europeos que presentamos ao Goberno de España ían cun socio fundamental que é o talento da UVigo”. Respecto da cátedra, Regades destacou que é “a base de datos máis importante de España, con información de máis de 200.000 empresas e series históricas de máis de 25 anos, que son empregados para a toma de decisións no eido empresarial público e privado”. O delegado do Consorcio lembrou que “son estudos económicos e empresariais que reforzamos, que son referentes e cun enorme prestixio, que se están presentando en todo o mundo. Afianzamos dende o coñecemento sectores estratéxicos como a pesca, o naval ou a automoción e tamén a UVigo e Zona Franca estamos xuntos en sectores de presente e futuro como a cuántica ou os semiconductores fotónicos”.
Metodoloxías innovadoras
Ardán é un servizo singular e pioneiro en España, que ten recibido premios e recoñecementos da xestión pública. A colaboración entre o CZFV e a UVigo permitiu abordar estudos dos factores que afectan á competitividade do tecido empresarial, así como desenvolver instrumentos para a avaliación do desempeño das empresas con grande éxito e ampla difusión. Para a elaboración das súas análises de conxuntura empresarial cóntase con metodoloxías innovadoras, resultado da colaboración coa comunidade académica, sendo este aspecto clave no recoñecemento da calidade dos servizos de información económica do Consorcio.